A Xunta destaca en Bueu o papel do asociacionismo no impulso ao comercio de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na inauguración da feira Bueu non Stock, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industrias de Bueu

Bueu (Pontevedra), 21 de xullo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na inauguración da terceira edición da feira de oportunidades Bueu non Stock, que organiza ata o domingo 23 de xullo a Asociación de Comerciantes e Industrias de Bueu (Acibu), integrada na Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) co apoio da Xunta.

Durante a súa visita, o director xeral sinalou o papel que desenvolven os centros comerciais abertos e as federacións de comerciantes no impulso ao comercio de proximidade, lembrando que a Consellería de Economía, Industria e Innovación mantén unha liña constante de colaboración coas asociacións como pezas clave para a competitividade do sector nas vilas e cidades galegas e na súa transformación dixital e sustentable.

A feira Bueu non Stock conta con 22 establecementos participantes das localidades de Bueu, Cangas e Moaña, con produtos de moda, calzado, complementos, puericultura, deportes, artesanía, lenzaría, xoiería, e perfumería, entre outros. O horario de celebración é de 10:30 horas a 14 horas e de 18 horas a 23 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023