A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo un encontro de traballo co alcalde, José Ramón Barreal, coincidindo coa publicación do encargo dos traballos hoxe no Diario Oficial de Galicia

A Xunta encomenda a Seaga as obras de mellora do saneamento e abastecemento de Laza, que se iniciarán en agosto cun investimento de máis de 167.000 euros

Vázquez Mourelle salienta que o obxectivo é dotar aos veciños de Laza de servizos municipais da auga máis eficientes, coa mellora e renovación da rede de abastecemento e coa dotación de rede de saneamento separativa na rúa Barrio

Avanza a previsión de ter rematados os traballos no mes de novembro

Para o saneamento de pluviais construirase un colector soterrado que conectará coa rede da rúa Doctor Vila e coa da OU-112

Para as augas residuais acometerase unha canalización que conectará coas xa existentes neses mesmos dous puntos

Laza (Ourense), 21 de xullo de 2023

A Xunta vén de encomendarlle á empresa pública Seaga a execución das obras de mellora do saneamento e do abastecemento na rúa Barrio de Laza, que se iniciarán na primeira semana de agosto e suporán un investimento autonómico de 167.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde, José Ramón Barreal, para abordar as actuacións que se van acometer, coincidindo coa publicación da encomenda dos traballos hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Ethel Vázquez salientou que o obxectivo da Xunta é dotar aos veciños de Laza de servizos municipais da auga máis eficientes, coa mellora e renovación da rede de abastecemento e coa dotación de rede de saneamento separativa na rúa Barrio, que forma parte do Camiño de Santiago e por iso se renovará o seu pavimento.

Actualmente esta zona do municipio ten rede de saneamento unitaria, ao contrario das rúas coas que conecta, e a rede de saneamento non cubre toda a lonxitude da rúa, ademais de presentar, ambas as dúas, deterioros debido ao paso do tempo.

Así, para mellorar as condicións de depuración e permitir que as vivendas de toda a rúa poidan acceder á rede de abastecemento, a Xunta vén de encomendarlle a Seaga a execución destas intervencións, dotando toda a rúa Barrio de abastecemento e executando unha rede de saneamento na que as augas da chuvia estean separadas das augas fecais.

Concretamente, a nova rede de abastecemento disporase ao longo de 230 metros. Para a rede de saneamento de pluviais construirase un colector soterrado que conectará coa rede da rúa Doctor Vila e coa da estrada OU-112. Para as augas residuais acometerase unha canalización que conectará coas xa existentes neses dous mesmos puntos.

Tal e como avanzou a conselleira, a previsión é que na primeira semana de agosto se inicien as obras e que poidan estar rematadas no mes de novembro.

Vázquez Mourelle incidiu en que se trata dunha actuación agardada e necesaria, solicitada polo alcalde. Lembrou que o Consello da Xunta autorizou no mes de maio a colaboración técnico-financeira co Concello para posibilitar a súa tramitación e execución, que hoxe recibe un impulso definitivo coa publicación da encomenda dos traballos a Seaga.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará integramente as intervencións, achegando ese investimento de máis de 167.00 euros, preciso para a execución das obras. Pola súa banda, o Concello de Laza asumiu a realización das xestións necesarias para acometer os traballos e, ao seu remate, encargarase do seu mantemento e conservación.

A intervención está financiada pola Unión Europea no marco do eixe REACT-EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023