O conselleiro José González presidiu en Sergude o acto de entrega deste material e a presentación dos novos voceiros de incendios

A Xunta fai entrega de 33 novos vehículos a axentes ambientais para traballar na loita contra os incendios e anuncia a figura dos voceiros de lumes

José González destacou que estes vehículos son unha mostra máis do compromiso do Goberno a prol da dotación de medios e persoal co fin de mellorar o servizo

Presentou tamén a figura dos voceiros, son axentes expertos en materia de incendios de diferentes distritos forestais para intervir naqueles lumes cuxa situación operativa requira dunha explicación técnica pormenorizada

Boqueixón (A Coruña), 21 de xullo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, entregou hoxe 33 vehículos todoterreo a axentes ambientais da Consellería, para seren empregados na prevención e extinción de incendios, así como na xestión forestal sustentable. Neste acto, que tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, o conselleiro destacou que esta entrega é unha mostra máis do compromiso do Goberno a prol da dotación de medios do seu persoal, co fin último de mellorar o servizo que se presta aos cidadáns, neste caso no eido forestal.  

Esta entrega súmase ás realizadas en novembro de 2022 e xaneiro deste mesmo ano, nas que se distribuíron 117 vehículos. Tamén se suma á correspondente subministración mediante arrendamento de 137 vehículos todoterreo tipo pick up  para as brigadas forestais nos últimos anos. Estes 33 vehículos están financiados ao cen por cento con fondos REACT-UE, habilitados pola Unión Europea como resposta á pandemia e enmárcanse no Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.  

Ademais, no acto de entrega, o conselleiro anunciou que este ano inclúese por primeira vez a figura dos voceiros de lumes. Trátase de axentes expertos en materia de incendios de diferentes distritos forestais, que se encargarán de explicarlle á cidadanía os datos máis técnicos dos lumes. Estarán dispoñibles naqueles incendios cuxa situación operativa requira dunha explicación pormenorizada. Deste xeito, a poboación poderá coñecer de primeira man as novas relacionadas cos lumes, explicadas por persoal cualificado.

Na súa intervención neste acto, José González subliñou que este esforzo en materia de dotación de vehículos complementa outros que está facendo a Xunta no eido forestal e, máis concretamente, na loita contra os incendios. Así, cabe lembrar que se van investir 21,76 millóns de euros para mellorar os medios do servizo antiincendios, mediante a contratación de oito helicópteros para a coordinación e extinción, de 14 tractores-cisterna (chamados batracios) e de 18 motobombas, ás que hai que engadir outras 13 novas, adquiridas o pasado ano e que foron entregadas en marzo de 2023. En parecidos termos, haberá tamén renovación de equipamentos de inverno e de verán do dispositivo, así como de equipos de protección individual (EPI) de extinción e adquisición de autorrescatadores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023