A Xunta adxudica por máis de 3,5 M€ as obras para a execución do treito do eixe de mobilidade sostible da cidade de Ourense, desde Os Remedios ata Expourense

A previsión é iniciar a obra no paseo do Barbaña no último trimestre deste ano, co obxectivo de rematala a finais de 2024

Habilitarase un treito de 3,5 km de senda, mellorando os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, ademais das conexións coa contorna

Optimizarase o acceso ás Burgas, conectando de modo directo os paseos do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona do pavillón Paco Paz e a Expourense

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023 A Xunta adxudicou por 3.533.824 euros a execución das obras do novo itinerario entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, no concello de Ourense.

Esta actuación, adxudicada á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., forma parte do proxecto para a conformación dun eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de sendas.

A previsión é iniciar no último trimestre deste ano as obras da senda do Barbaña, toda vez que os actos expropiatorios de levantamento de actas previas foron xa realizados e a formalización das actas de ocupación se levará a cabo o vindeiro día 31 de xullo, das 10,00 ás 12,00 horas no Centro Cívico da Ponte, na rúa Eulogio Gómez Franqueira. O obxectivo da Xunta é poder ter rematados os traballos a finais de 2024.

En concreto,  as obras obxecto deste contrato céntranse no treito de senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña e prevén a execución de 3,5 km de itinerario, dándolle continuidade onde se interrompe, entre a praza de abastos e A Molinera.

Na intervención melloraranse os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, dando preferencia a estes usuarios e reforzando tamén a accesibilidade e as conexións coa contorna.

Executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando solución á beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana.

Ademais, para acadar unha mellor conexión entre a Ponte e a senda do Barbaña, habilitarase un paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.

Ao longo do percorrido mellorarase tamén o acceso ás Burgas, unindo de modo directo os paseos do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona deste pavillón Paco Paz e a Expourense.

Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.

Data de actualización: 20/07/2023