Rueda avanza que o proxecto da Factoría do deporte galego-Galicia Sports 360 xa dispón da aprobación inicial como Proxecto de Interese Autonómico

Explica que o Consello da Xunta autorizou hoxe esta declaración en tanto esta é unha iniciativa “relevante” e que transcende o ámbito municipal

Precisa que a aprobación definitiva terá lugar “dentro duns poucos meses”, logo de que conclúa a tramitación

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe a Factoría do deporte galego-Galicia Sports 360 que o Real Club Celta de Vigo (RC Celta) está impulsando no concello de Mos xa dispón da súa aprobación inicial como Proxecto de Interese Autonómico, tal e como acordou esta mañá o Consello da Xunta. A tramitación continuará ata concluír coa súa aprobación definitiva “dentro duns poucos meses”.

Os Proxectos de Interese Autonómico veñen regulados Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia. “O efecto principal desta declaración é que a planificación e execución das actuacións transcenden o ámbito municipal e, polo tanto, teñen unha tramitación singular que, en moitos casos, non fai necesarias as autorizacións municipais”, explicou. Esta figura pódese aplicar a iniciativas que superan o ámbito local, ben pola súa incidencia territorial, económica, social, ou cultural; pola súa magnitude; ou polas súas características singulares, e que non teñen previsión nin acomodo no planeamento urbanístico.

Neste sentido, o presidente destacou que a Factoría do deporte galego-Galicia Sports 360, do RC Celta é un proxecto “relevante”, que contará con tres agrupacións de infraestruturas: a Cidade Deportiva Afouteza, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte e, por último, a Área de Servizos-Espazo Arena.

Deste xeito, tanto polo ámbito estritamente deportivo-competitivo como pola súa vertente económica e de desenvolvemento, este proxecto transcende o ámbito municipal e defende a idea do deporte como unha actividade de interese público que coadxuva no crecemento e cohesión social, na igualdade de xénero, en mellorar o benestar da cidadanía e no desenvolvemento do conxunto da Comunidade Autónoma, fortalecendo o carácter transversal sistema deportivo galego.

Tres infraestruturas relevantes

A Cidade Deportiva Afouteza consiste nun conxunto integrado de edificacións e instalacións ao servizo do deporte coa finalidade de dotalo da infraestrutura necesaria tanto para as exixencias da preparación de alto rendemento e seguimento dos deportistas das categorías de fútbol profesional do club, como para a promoción, fomento e formación das novas xeracións de deportistas. Mentres, o fútbol feminino medrará reservando as actuais instalacións da Madroa e acadando a creación da sección de fútbol feminino do RC Celta.

No referido ao ámbito formativo, concorre no proxecto presentado, segundo se reficte na memoria, unha concordancia de obxectivos cos programas de desenvolvemento do deporte de base realizados desde a Administración autonómica, e cuxa máis recente mostra son os núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE). Dada a dimensión deportiva do RC Celta, o labor de fomento deportivo, especialmente no ámbito do deporte de base e do deporte feminino, transcende á área metropolitana de Vigo e á propia Comunidade Autónoma.

Paralelamente, o proxecto conta tamén conta cunha importante presenza das vertentes educativa, de innovación e de desenvolvemento do sistema deportivo, principalmente centrados no Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte, que será un centro dinamizador e modernizador do tecido empresarial para convertelo nun referente non só na Comunidade autónoma ou no noroeste peninsular, senón no ámbito nacional e internacional, así como un investimento estratéxico para o futuro.

O proxecto significará, ademais, a contratación dunha gran cantidade de novo persoal para a xestión, a dinamización das actividades e o mantemento das novas instalacións. Será o Centro Tecnolóxico da Innovación no Deporte un dos espazos que mais se beneficiará desta nova oportunidade de emprego, por ser totalmente de nova creación e pola súa propia natureza.

Por último, a Área de Servizos, principalmente centrada no Edificio Arena, estará destinada a eventos deportivos, cunha capacidade apuntada de ata 10.000 espectadores, e no cal se incluirán, entre outros, espazos de lecer deportivo indoor, expositivos ou de restauración e tendas deporte e merchandising.

En definitiva, o proxecto de interese autonómico converterá á Factoría do deporte galego-Galicia Sports 360 nunha iniciativa cun interese supramunicipal cualificado que vai máis alá do ámbito deportivo. A Factoría do deporte galego conta coa capacidade para ser un complexo necesario que fortaleza a industria do deporte en Galicia e promova o seu desenvolvemento. A dinamización e modernización do tecido empresarial galego posibilitará que o proxecto sexa un referente non só na Comunidade Autónoma ou no noroeste peninsular, senón no ámbito nacional e internacional, así como un investimento estratéxico para o futuro. Preténdese así a creación dunha sede dun nodo de tecnoloxía do deporte a semellanza doutros xa implantados en Europa, do que actualmente carece Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023