A Xunta impulsa a divulgación do patrimonio marítimo e a educación azul coa xira do buque Atyla por distintos portos galegos

A embarcación escola percorrerá entre o 26 de xullo e o 21 de agosto os peiraos de Vigo, Combarro, Sada, Viveiro, Corcubión e Muros, onde poderá visitarse de balde

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, promove a xira do buque escola Atyla por distintos peiraos autonómicos para divulgar o patrimonio marítimo tanto material como inmaterial da comunidade e a educación azul. A súa estadía nas distintas dársenas contribuirá á formación nos valores do mar e a impulsar a remuda xeracional na actividade marítimo-portuaria.

Con este obxectivo, o ente público presidido por José Antonio Álvarez colabora na travesía a vela desta embarcación de madeira, construída na década dos 80 do século pasado coas técnicas de carpintería de ribeira tradicionais e inspirada nos veleiros do século XVIII. Trátase dunha goleta de 31 metros de eslora, sete de manga e 25 metros de alto, dotada de nove velas.

O buque Atyla realizará un percorrido con escala en seis portos autonómicos nos que abrirá as súas portas gratuitamente aos visitantes que desexen coñecer a propia embarcación e o labor divulgativo que realiza de xeito habitual a Fundación Atyla. Ademais acollerá actividades formativas e pequenas saídas de navegación con visitantes a bordo. Tanto as visitas como as saídas son totalmente de balde, pero os interesados deben inscribirse previamente na páxina web na Fundación Atyla.

O Atyla iniciará a súa travesía desde o porto de Vigo, no que estará atracado entre o 26 e o 30 de xullo. O 31 de xullo recalará no porto de Combarro (Poio), onde poderá visitarse ata o 2 de agosto, e desde alí trasladarase a Sada, porto no que permanecerá do 3 ao 6 de agosto. Días despois, do 7 ao 9 de agosto estará en Viveiro, do 15 ao 17 do mesmo mes en Corcubión e, por último, do 18 ao 21 de agosto no porto de Muros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023