Os gandeiros galegos de bovino e ovino poden solicitar a vacinación voluntaria e gratuíta fronte a lingua azul na zona libre da enfermidade

Esta posibilidade foi autorizada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación tras a correspondente solicitude por parte da Xunta

A vacina será distribuída de balde pola Consellería do Medio Rural ao persoal veterinario privado autorizado para a súa administración

A área libre da doenza abrangue a provincia da Coruña e as comarcas veterinarias da de Lugo non incluídas previamente na área restrinxida: A Mariña Central, Oriental e Occidental, Terra Cha-Castro, Terra Cha-Vilalba, Terra Cha-Guitiriz, Meira, Lugo, A Ulloa, Os Ancares e A Fonsagrada
 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023 

Os gandeiros titulares de explotacións bovinas e ovinas situadas na zona libre da enfermidade da lingua azul en Galicia poden solicitar a vacinación voluntaria fronte esta doenza, en virtude da autorización concedida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), tras a correspondente solicitude por parte da Xunta. A vacina será distribuída de balde pola Consellería do Medio Rural ao persoal veterinario privado autorizado para a súa administración.

 

A zona libre deste virus na nosa comunidade corresponde á provincia da Coruña e ao resto das comarcas veterinarias da provincia de Lugo non incluídas previamente na área restrinxida, é dicir, as da Mariña Central, Oriental e Occidental, Terra Cha-Castro, Terra Cha-Vilalba, Terra Cha-Guitiriz, Meira, Lugo, A Ulloa, Os Ancares e A Fonsagrada.

 

Cómpre lembrar, neste sentido, que como consecuencia da declaración oficial dos focos detectados de lingua azul en febreiro de 2023, as provincias de Ourense e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga, na provincia de Lugo, incluíronse dentro das zonas restrinxidas fronte esta doenza en España. Así, estableceuse a vacinación obrigatoria de todo o gando bovino e ovino maior de tres meses localizado nesta área, sendo requisito imprescindible para o movemento pecuario destas especies. Agora amplíase a vacinación -con carácter voluntario- ao resto do territorio galego considerado como zona libre da enfermidade.

 

A solicitude cursada por Medio Rural ao MAPA fíxose para aumentar a protección do gando galego, tendo en conta que a vía principal de transmisión do virus da lingua azul é a picadura de mosquitos do xénero Culicoides, e que estes vectores están presentes en todo o territorio da comunidade autónoma en época estival. Considérase, ademais, que a vacinación é a ferramenta máis efectiva para a protección dos animais e o control da propagación da enfermidade.

Data de actualización: 20/07/2023