A Xunta apoia o proxecto ‘Mar de Amicos’ que promove no Barbanza actividades de turismo accesible e a xeración de emprego de persoas con discapacidade

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participaron na presentación de resultados do proxecto de Fundamar e Amicos
 

A Rede Eusumo de impulso ás fórmulas de negocio da economía social da Xunta de Galicia apoiou este proxecto que persegue a posta en valor do patrimonio marítimo pesqueiro no Barbanza e a creación de emprego inclusivo
 

Ribeira (A Coruña),19 de xullo de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participaron na lonxa de Ribeira na presentación dos resultados e calendario de actividades do proxecto Mar de Amicos de turismo accesible e inclusivo no sector pesqueiro que promove a Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar) e a Asociación Amicos, co apoio da Rede Eusumo da Xunta no Barbanza.  

O secretario xeral destacou a dobre vertente do programa que, por unha banda, desenvolve accións de turismo accesible e inclusivo no ámbito do patrimonio marítimo pesqueiro a través das entidades de economía social e, por outra, favorece a creación de empregos de persoas con discapacidade.

Fernández amosou a súa “honra” por formar parte do proxecto que quere “impulsar a promoción do turismo inclusivo e accesible entorno ao patrimonio marítimo pesqueiro, en base aos principios da economía social”. Destacou que Mar de Amicos estea centrado en “xerar oportunidades reais de empregabilidade para as persoas con discapacidade” e que conte coa Rede Eusumo como eixo de unión.

O proxecto exemplifica o traballo da Rede Eusumo a favor da economía social que, ademais de exercer como piar deste proxecto entre Fundamar e Amicos, encárgase de sustentar este modelo económico, divulgar e promover o coñecemento dos seus beneficios entre a poboación e fomentar o cooperativismo en Galicia. Na actualidade, a Rede Eusumo conta con 97 entidades adheridas.

A Xunta tamén mantén unha estreita colaboración con Amicos a través da Consellería de Política Social e Xuventude, por medio do concerto de prazas nos seus centros e tamén coas liñas de axudas destinadas ás entidades sociais de Galicia. Así, nos últimos meses, Amicos recibiu axudas que ascenden a 1,2M€ para ampliar a súa residencia en Boiro ou 65.000€ para a adquisición de dous vehículos, explicou, pola súa banda, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón.

Os obxectivos do programa Mar de Amicos, indicaron ambos os dous representantes da Xunta de Galicia, reflicten o compromiso que guía as actuacións do Goberno autonómico no sector marítimo-pesqueiro, a favor do seu desenvolvemento sustentable, pola mellora da calidade de vida dos seus profesionais e no impulso ao acceso igualitario e sen discriminacións ao traballo neste sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023