A Xefatura de Educación en Pontevedra supervisa o normal desenvolvemento das obras de rehabilitación integral do Instituto Valle-Inclán

O xefe territorial, xunto co equipo técnico e a Inspección, explicoulle ao equipo directivo e á anpa os trámites preceptivos levados a cabo e a planificación dos traballos

Nos vindeiros días comezará a parte máis visible coa instalación dos contedores e a demolición dos baños

Tamén se desprazou ao instituto Sánchez-Cantón para abordar co equipo directivo o traslado do alumnado da Escola Oficial de Idiomas e das ensinanzas de adultos

Pontevedra, 19 de xullo de 2023 O Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra supervisa o normal desenvolvemento das obras de rehabilitación integral do Instituto IES Valle-Inclán, de acordo coa folla de ruta programada.   

O xefe territorial, César Pérez Ares, acompañado de representantes da Unidade Técnica de obras e da Inspección Educativa, explicoulle hoxe ao equipo directivo e á anpa deste centro, de xeito pormenorizado, os trámites necesarios levados a cabo para esta obra, así como a planificación dos traballos.  

Así pois, seguindo a programación e mentres non se obteña o permiso de ocupación por parte do Concello, a empresa adxudicataria está organizando o material necesario e os equipos de traballo para o desenvolvemento da obra que se iniciou coa acta de replanteo. De feito, nos vindeiros días comezará a parte máis visible  dos traballos coa instalación de contedores e a demolición dos aseos.

O xefe territorial, xunto cos inspectores dos dous institutos e o equipo técnico, tamén visitou o IES Sánchez Cantón para organizar o inicio de curso neste centro que, por mor das obras no Valle-Inclán, o próximo curso vai acoller o alumnado da Escola Oficial de Idiomas e de ensinanzas de adultos deste instituto. Neste centro estase levando a cabo a adecuación de espazos, cun investimento estimado de arredor de 50.000€ por parte da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023