A delegación do Ministerio de Saúde de Xordania visita as instalacións da Fundación Urxencias Sanitarias-061 e o centro de saúde da Estrada

Os representantes xordanos amosaron especial interese polo sistema de xestión de citas, a plataforma de asistencia a domicilio TELEA e as actividades formativas do persoal de Urxencias do 061

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2023 A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, e a xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez Masid, acompañaron esta mañá aos representantes do Ministerio de Saúde de Xordania que na xornada de hoxe visitaron o centro de saúde da Estrada e a Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Durante dúas xornadas, a delegación xordana coñeceu o funcionamento e as infraestruturas do sistema sanitario público galego. Así, no transcurso desta mañá, os profesionais do centro de saúde da Estrada explicáronlles o seu día a día, comezando polo eido administrativo, onde se empregan ferramentas de xestión como o Xide, o CRM100 ou a resolución de chamadas de urxencias. Neste senso, amosaron un grande interese polo sistema de citas e as pantallas informativas despregadas nas diferentes salas.

Así mesmo, o director de Atención Primaria da Área Sanitaria compostelá, Felipe Calle; e o xefe de servizo do Centro de Saúde da Estrada, Juan Sánchez Castro, detallaron o funcionamento da área de pediatría, a área de farmacia e o seu sistema Kanban de xestión de proxectos, o que permite aos equipos visualizar os fluxos e carga de traballo.

No transcurso da mañá de hoxe, tamén comprobaron o funcionamento das consultas dos médicos de familia e de enfermaría, ademais de coñecer as utilidades da plataforma tecnolóxica de asistencia domiciliaria TELEA.

De seguido, desprazáronse ata as instalacións do 061 de Galicia na Estrada, onde a directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, realizou unha exposición sobre o funcionamento do sistema de coordinación de emerxencias extrahospitalarias galego, e sobre a xestión das demandas de asistencia sanitaria desde a recepción da chamada ata a resolución do servizo.

Posteriormente, desprazáronse ata a Central de Coordinación do 061 para coñecer en tempo real a xestión do servizo público de urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma galega. Os representantes do Ministerio de Saúde de Xordania trasladaron especial interese pola formación dos profesionais sanitarios do 061 de Galicia.

A comitiva do Ministerio de Saúde xordano estivo conformada polo doutor e director do NCDs Directorate, Anas Almohtaseb; o xefe do departamento da NCD Directorate, o Doutor Saed Assaf; e os membros da Fundación CSAI en Amman, o doutor Seifddin Saleh Faleh Hussein, e a xerente da REAYAH, Faleh Mustafa Al Garaibeh.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023