A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe o parque natural do Monte Aloia

A Xunta publica tres guías para divulgar as variedades de bolboretas máis presentes nos parques naturais do Monte Aloia, Corrubedo e Xurés

Belén do Campo explica que, ademais dos 750 exemplares editados en galego e castelán que están á disposición da cidadanía nos centros de interpretación, estes folletos informativos tamén se poden consultar en liña nas páxinas web destes espazos naturais

Tui (Pontevedra), 19 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia publicou tres guías informativas para divulgar as variedades de bolboretas máis presentes nos parques naturais do Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e Baixa Limia-Serrá do Xurés.

 

Durante unha visita ao Monte Aloia, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou que, ademais dos 750 exemplares editados en galego e castelán que están á disposición da cidadanía nos centros de interpretación, estes folletos informativos tamén se poden consultar en liña nas páxinas web dos parques naturais do Monte Aloia, Corrubedo e Xurés.

 

Segundo incidiu Do Campo, estas publicacións enmárcanse no programa de seguimento de bolboretas que vén desenvolvendo a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xunto cunha rede de voluntarios en tres dos seis parques naturais cos que conta a Comunidade.

 

Esta iniciativa ten como obxectivo actualizar e mellorar o coñecemento existente sobre as poboacións destes insectos en cada dun deses espazos protexidos. “As bolboretas están consideradas como unha das especies que requiren unha atención especial pola súa importancia ecolóxica, xa que se trata dun dos indicadores de biodiversidade máis utilizados a nivel europeo e mundial”, aseverou a directora xeral.

 

De feito, para realizar esas tarefas de seguimento, a Xunta organizou 3 cursos formativos a cargo de expertos da Sociedade para a Conservación e o Estudo das Bolboretas en España (Soceme), que permitiron que na actualidade exista unha rede de 30 voluntarios ambientais que participan na elaboración dos censos. A directora xeral salientou que estes traballos permitiron que na actualidade estean identificadas unhas 60 especies de bolboretas no parque natural Monte Aloia.

 

Así, en cada parque definíronse diferentes percorridos, de entre 1 e 2 quilómetros e seleccionados en base á súa representatividade, e cada 15 días os voluntarios realizan o traxecto co obxectivo de rexistrar os exemplares e especies que avisten.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023