A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron un encontro de traballo co presidente e representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade

A Xunta informa a COGAMI dos incentivos autonómicos para mercar bicicletas de man, híbridas ou eléctricas, para cadeiras de rodas no marco do programa EBici

Ethel Vázquez anima ás persoas con mobilidade reducida a que soliciten esta axuda, que acada os 700 euros, ao subvencionar ata o 70% do custo da bicicleta de man

Sinala que este ano o programa EBici se estendeu a este tipo de vehículos para sumar tamén ás persoas con dificultades de mobilidade aos desprazamentos máis sustentables

Destaca que desde que se abriu o prazo o 1 de xuño se recibiron case 1.450 solicitudes para a compra de bicicletas eléctricas nalgún dos 157 establecementos adheridos á iniciativa

O pasado ano o programa EBici permitiu financiar a adquisición de 1.976 bicicletas eléctricas con pedaleo asistido, cun investimento autonómico de 1 millóns de euros

Pon en valor a liña de traballo entre a Xunta e COGAMI, con quen se abordou o proceso de implantación do Plan de Transporte Público en canto á accesibilidade e onde, dos máis dos 5.600 autobuses adscritos, case o 70% están adaptados a persoas con mobilidade reducida

Lembra que COGAMI ten a concesión do servizo da Central de Chamadas do transporte público da Xunta e atende unha media de 1.280 ao mes, unha iniciativa que vén de ser distinguida co Premio ás boas prácticas en contratación responsable da asociación AMICOS

Salienta o Plan de paradas seguras e accesibles que ten en marcha o Executivo galego para actuar en 1.100 paradas cun investimento de 35 millóns de euros, mellorando a accesibilidade coa execución de ramplas, a dotación de información en braille ou de pavimento podotáctil

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2023

A Xunta informou hoxe á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, da liña de axudas que ten aberta para a compra de bicicletas de man, híbridas ou eléctricas, para cadeiras de rodas, no marco do programa Ebici.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, visitou esta mañá as instalacións da sede central que COGAMI ten en Santiago de Compostela, onde mantivo un encontro de traballo co presidente da entidade, Anxo Queiruga, co secretario xeral, Víctor Silva, e coa coordinadora de Áreas, María Rosario Lema, no que lle trasladou todos os detalles desta iniciativa pioneira da Xunta.

Ethel Vázquez salientou que o pasado ano o Goberno galego puxo en marcha unha nova liña de axudas para facilitar a compra de bicicletas eléctricas á que destinou 1 millón de euros e que permitiu financiar a adquisición de 1.976 bicicletas eléctricas con pedaleo asistido, para promover desprazamentos máis sustentables e saudables.  

Ante o éxito da iniciativa, este ano a Xunta lanzou unha nova convocatoria, para os anos 2022 e 2023, cun investimento de 1,7 millóns de euros para mercar bicicletas eléctricas, pero facendo extensivas esas axudas tamén á compra de bicicletas handbike, para as persoas con mobilidade reducida, xa que facilitan a adaptación das cadeiras de rodas.

Ethel Vázquez incidiu en que nestes momentos xa se recibiron case 1.450 solicitudes de axuda para a adquisición de bicicletas eléctricas nalgún dos 157 establecementos adheridos desde que o pasado 1 de xuño se abriu a convocatoria. Os incentivos oscilan entre os 500 euros, con carácter xeral, os 600 euros para o caso das familias numerosas, ou de ata 700 euros no caso de familias numerosas de categoría especial.

En canto á compra de bicicletas de man, a conselleira animou ao colectivo de persoas con mobilidade reducida a que soliciten tamén a súa axuda, que acada os 700 euros e permite cubrir ata o 70% de desconto sobre o prezo da bicicleta. E pediulle a COGAMI que contribúa a difundir estes incentivos do programa Ebici da Xunta entre os seus asociados, para que se animen a mercar unha bicicleta de man, híbrida ou eléctrica, que permite dotar unha cadeira de rodas de características análogas ás dunha bicicleta eléctrica.

Liña de diálogo permanente

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade enmarcou o encontro de traballo desta mañá na liña de colaboración e diálogo constante que vén mantendo a Xunta e, en particular a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con COGAMI.

En concreto, referiuse ás xuntanzas celebradas no marco do proceso de implantación das 127 concesións do Plan de Transporte Público de Galicia, para abordar as condicións que recollían eses novos contratos en materia de accesibilidade de cara á incorporación do maior número de vehículos adaptados posibles. Indicou que, a día de hoxe, dos máis de 5.600 autobuses adscritos ao Plan de Transporte Público, case o 70% deles están adaptados a persoas con mobilidade reducida.

Lembrou, ademais, que COGAMI é a concesionaria do servizo da Central de Chamadas do transporte público autonómico, reservada a centros especiais de emprego de iniciativa social. Esa Central de Chamadas é un servizo que permite dar resposta inmediata ás solicitudes de información e xestionar a reserva de praza en servizos de autobús baixo demanda autonómicos, atendendo unha media mensual de 1.280 chamadas. Un servizo, dixo, que funciona desde o ano 2019 como exemplo de compromiso coa integración laboral e que, recentemente, foi distinguido co Premio de Boas Prácticas en Contratación Responsable que concede a asociación AMICOS.

Ethel Vázquez tamén se referiu ao Plan de paradas seguras e accesibles que está a desenvolver a Xunta para actuar sobre 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento de arredor de 35 millóns de euros. Actuacións, dixo, que permitirán mellorar a accesibilidade para peóns e persoas con mobilidade reducida, a través da disposición de ramplas de acceso, da dotación de información en braille ou de pavimento podotáctil, facilitando tamén o despregamento das ramplas dos autobuses accesibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023