A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha actuación levada a cabo no porto de Ribeira

A Xunta avanza no deseño da Axenda Territorial de Galicia para acadar un modelo urbanístico sostible, resiliente, seguro e inclusivo

Ángeles Vázquez salienta que constituirá a folla de ruta para orientar as decisións e políticas en materia de territorio desde unha visión global e integrada

Subliña que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia facilitará unha mellor integración paisaxística dos espazos portuarios

Ribeira (A Coruña), 19 de xullo de 2023

A Xunta avanza no deseño da Axenda Territorial de Galicia para acadar un modelo urbanístico sostible, resiliente, seguro e inclusivo ao abeiro dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que están recollidos na Axenda 2030 asinada por Nacións Unidas para facer fronte aos retos sociais, económicos e ambientais da globalización

Segundo dixo hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a Xunta, a Fundación Rede Innovación Arousa e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia asinaron un convenio de colaboración para dar comezo os traballos que servirán de base para a que será a folla de ruta que oriente as decisións e políticas en materia de territorio desde unha visión global e integrada.

Logo de avanzar que o obxectivo é que este documento poida ser aprobado en 2025, a vicepresidenta segunda avanzou que o primeiro paso deste proceso será a apertura dun proceso de participación pública con todos os axentes implicados neste eido para establecer estratexias e liñas de acción. Deste xeito, celebraranse foros, mesas redondas ou conferencias de expertos internacionais, nacionais e locais, en base ao que se elaborará un documento síntese que incorpore unha visión que sirva como base para a elaboración da Axenda Territorial de Galicia.

A maiores, a Axenda tomará como punto de partida iniciativas xa existentes en Galicia para encontrar puntos de encontro e enfoques compartidos entre as diferentes administracións e así establecer lazos colaborativos con estas de maneira transversal.

O documento incorporará accións a corto, medio e largo prazo con resultados cuantificables, acompañados de medidas para o seu control e avaliación. Este compromiso deberá servir de catalizador para o cambio dentro da gobernanza e para acadar non so resultados, senón establecer normas e procesos exemplares.

Lei de ordenación do litoral

Durante unha visita que realizou á actuación levada a cabo no porto de Palmeira, no concello de Ribeira, por parte da Xunta e a Fundación RÍA, a conselleira salientou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia facilitará unha mellor integración paisaxística dos espazos portuarios.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda, que estivo acompañada polo presidente da Fundación RÍA, David Chipperfield, incidiu en que a nova normativa supón unha firme aposta pola interacción porto-cidade cunha dobre finalidade: a integración do ámbito portuario na vila e o impulso da participación da cidadanía no seu desenvolvemento.

Ademais, a lei de ordenación do litoral prevé a implantación de usos e actividades que, sen alterar o funcionamento da actividade portuaria, melloren a calidade de vida da cidadanía.

De feito, a actuación levada a cabo na fachada marítima de Palmeira enmárcase nese obxectivo xa os traballos realizados permitiron crear un espazo ambientalmente sustentable e integrado na contorna que responde ás necesidades tanto dos usuarios do porto como da veciñanza. Ademais, elimináronse barreiras visuais permitindo achegar a vila ao mar.

Máis polo miúdo, esta iniciativa incluíu a reordenación do tráfico e do estacionamento e a ampliación da zona peonil sobre o dique existente, que, xunto coa creación de balcóns de pedra e bancadas integradas no noiro do paseo, supoñen unha mellora do espazo público así como da mobilidade e accesibilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023