A Xunta destaca os 114 proxectos asesorados no polo Rías Altas e Arco Ártabro promovidos por 123 persoas emprendedoras das que o 63% son mulleres

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe este polo de emprendemento e apoio ao emprego emprazado en Ferrol, que forma parte dos oito en activo e dos 15 que estarán en funcionamento ao remate desde ano

Puxo de relevo “dous magníficos exemplos de emprendemento” asesorados por este centro: un de máquinas expendedoras de pizzas e outro centrado en achegar a educación ambiental aos centros escolares

Ferrol, 19 de xullo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe o polo de emprendemento e apoio ao emprego Rías Altas e Arco Artábro, que leva asesorado 114 proxectos desde decembro do ano pasado -cando se puxo en marcha- promovidos por 123 persoas das que o 63% son mulleres. Alí, puxo de relevo “dous magníficos exemplos de emprendemento” que pasaron por este centro: un de máquinas expendedoras de pizzas e outro centrado en achegar a educación ambiental aos centros escolares.

Na visita, a conselleira falou así de Sinuessa Pizza,  servizo pioneiro en Galicia de máquinas expendedoras de pizzas, elaboradas con ingredientes frescos e de maneira tradicional, que puxo como exemplo de “Innovación dentro dun negocio con moita consolidación no mercado que está tendo moito éxito na zona da Coruña e Ferrol”. Por outra banda, referiuse a La madriguera de Pichi, que se desenvolve na zona de Bergondo e que “tamén é unha innovación para fomentar a educación en temas ambientais”.

Elena Rivo apuntou que a rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con oito xa activos que se converterán en 15 ao remate do ano, xorde para ofrecer un acompañamento continuado ás persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que van pasando os seus proxectos, “axudándoos co plan de negocio ou mesmo a facer prototipos dos produtos e a validalos no mercado”.

En concreto, a titular de Promoción do Emprego e igualdade apuntou que con esta rede de polos perséguese “casar oferta e demanda, axudar ao emprendemento, fixar poboación e á dinamización das diferentes contornas, especialmente no rural”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023