A Xunta habilita unha liña de autobús para facilitar o acceso ao Atlantic Fest os vindeiros 21, 22 e 23 de xullo

Prestará servizo desde a estación de Vilagarcía de Arousa ata a zona de acampada do evento, no lugar do Campanario

Os usuarios disporán de 3 expedicións de ida desde a estación ao Campanario o venres 21 e outras 2 o sábado 22, ademais de 2 expedicións de volta desde o Campanario ata a estación ao peche do festival, o domingo 23

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2023 A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, habilitará unha liña de transporte público con motivo da celebración do Atlantic Fest, cunha parada na zona de acampada, no lugar do Campanario, en Vilagarcía de Arousa. 

A nova liña, estación de autobuses de Vilagarcía-O Campanario (Atlantic Fest), facilitará os desprazamentos dos asistentes durante a celebración do festival, isto é, desde este venres día 21 ata o domingo 23 de xullo, prolongando o percorrido da conexión Pontevedra-Vilagarcía de Arousa. 

Este servizo directo, de tan só 10 minutos de duración, disporá de 7 expedicións: 5 de ida, distribuídas entre o venres e o sábado 22; e 2 de volta, ao peche do festival, o domingo 23 de xullo. 

Así, as expedicións de ida sairán o venres 21 de xullo da estación de autobuses de Vilagarcía ás 14,55, 16,55 e 20,55 horas e chegarán ao Campanario ás 15,05, 17,05 e ás 21,05 horas, respectivamente. 

O segundo día do evento, o sábado 23 de xullo, activaranse dous servizos de ida con saída da estación de autobuses ás 09,50 e 13,50 horas, con chegada ao Campanario ás 10,00 e 14,00 horas, respectivamente.  

Para o regreso, habilitaranse 2 servizos con saídas desde O Campanario ás 08,05 e 11,50 horas con hora aproximada de chegada á estación de autobuses de Vilagarcía ás 08,15 horas e 12,00 horas, respectivamente.  

Con esta liña adicional, a Xunta dá servizo e atende os desprazamentos dos asistentes do Atlantic Fest, un evento de referencia que reúne a distintos artistas para o desfrute da mocidade, ao tempo que optimiza as conexións entre Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 19/07/2023