Representantes do Ministerio de Saúde de Xordania visitan Galicia para coñecer o funcionamento do modelo de Atención primaria do Sergas

O conselleiro de Sanidade, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, explicaron aos membros da delegación xordana o modelo organizativo do Servizo Galego de Saúde

Na xornada de mañá, os representantes sanitarios de Xordania realizará senllas visitas ao centro de saúde da Estrada e as instalación da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recibiu esta mañá unha comitiva de representantes do Ministerio de Saúde de Xordania, que visitou a Galicia para coñecer de primeira man o modelo organizativo da Atención primaria na nosa comunidade

Tras a recepción, a directora xera de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, explicou o funcionamento da Atención Primaria en Galicia, de acordo ao sistema de organización e ordenación que posúe a nosa comunidade. Neste senso, destacou a ampla carteira de servizos que posúe sistema sanitario público galego, así como a alta cualificación dos seus cadros de persoal.

Pola súa parte, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, achegou algunhas das estratexias e protocolos que ten posto en marcha o Servizo Galego de Saúde para abordar diferentes patoloxías e ámbitos, como é o caso dos coidados paliativos ou da atención a cronicidade.

Por parte do Ministerio de Saúde xordano participaron nas xuntanzas o doutor e director do NCDs Directorate, Anas Almohtaseb; o xefe do departamento da NCD Directorate, o Doutor Saed Assaf; e os membros da Fundación CSAI en Amman, o doutor Seifddin Saleh Faleh Hussein, e a xerente da REAYAH, Faleh Mustafa Al Garaibeh.

Na xornada de maña, a delegación xordana realizará senllas visitas ao centro de saúde da Estrada e as instalacións da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Data de actualización: 18/07/2023