A Xunta mantén unha xuntanza cos empresarios de Redondela sobre as axudas para a promoción da dixitalización no sector turístico

O director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, resaltou que na actualidade, a dixitalización é clave para garantir a competitividade e a sustentabilidade do sector turístico

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023 O director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo esta tarde un encontro, no museo Meirande, con membros da Asociación de empresarios de Redondela sobre as axudas ao sector turístico para a promoción da dixitalización.

Xosé Merelles resaltou que na actualidade a dixitalización é clave para garantir a competitividade e a sustentabilidade do sector turístico, polo que dixitalizar as empresas turísticas apoia que sexan máis accesibles mediante dispositivos e sistemas que lles permitan ser eficientes nos procesos de xestión.

Polo que dende a Xunta, en consenso co sector turístico, publicouse esta orde de axudas por importe de 1,5 M€ co obxectivo de promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico. O importe da subvención será do 80 % do investimento subvencionable. A axuda máxima será de 12.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é ata o vindeiro 7 de agosto.

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos; empresas de restauración (restaurantes, cafeterías e bares) e axencias de viaxes, que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e que o teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

 

Data de actualización: 18/07/2023