Os produtos da queixería Santo André de Castroverde contan xa co certificado de Galicia Calidade

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitaron hoxe as instalacións da empresa, onde puxeron en valor o carácter artesanal no proceso de elaboración dos produtos

Castroverde (Lugo), 18 de xullo de 2023

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregaron hoxe en Castroverde (Lugo) o selo de garantía aos responsables da queixería Santo André, nun acto que se desenvolveu nas instalacións da factoría, no que puxeron en valor o carácter artesanal no proceso de elaboración dos seus queixos.

A obtención do selo de garantía permitirá á empresa incluír a nova sinalización coa que se identifica nas súas fachadas ás empresas adheridas a Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación; así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

A queixería Santo André naceu como consecuencia da transformación que o propietario levou a cabo na súa explotación gandeira en 2010, dedicando parte da produción de leite cara á transformación, atopando o seu principal valor na diferenciación e na exclusividade. Céntranse exclusivamente na elaboración de queixos desde o 2015, ano no que obtiveron o recoñecemento como mellor queixo curado de España no salón Gourmet de Madrid.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merecen esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 150 empresas adheridas e máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2023