Carmen Durán destaca que Galicia ten a cobertura vacinal infantil contra a gripe máis alta do Sistema Nacional de Saúde

A directora xeral de Saúde Publica participou esta tarde nun encontro bilateral entre España e o Reino Unido para abordar diferentes asuntos de Saúde Pública, xunto cos seus homólogos de Murcia, Andalucía e Castela-A Mancha

Madrid, 17 de xullo de 2023 A directora xeral de Saúde Publica, Carmen Durán Parrondo, participou esta tarde en Madrid nunha mesa redonda bilateral entre o Reino Unido e España, para abordar a vacinación antigripal infantil e outros asuntos vencellados á saúde pública.

Así, e tras a benvida institucional por parte do embaixador británico en España, Hugh Elliott, a representante da Sanidade galega presentou os principais logros e desafíos que afronta Galicia no eido da Saúde Publica. Neste senso, subliñou a alta porcentaxe de adherencia da poboación infantil na primeira campaña de vacinación antigripal para menores de 5 anos. “Estamos no 55% despois de vacinar preto de 37.500 nenos e nenas, é o nivel de adherencia máis alto de España”, sinalou Durán.

Asimesmo, destacou o importante esforzo realizado durante os últimos anos polo Executivo galego para acadar o calendario de vacinación máis completo do Estado español. Cando se vai cumprir un ano da ampliación do calendario vacinal infantil galego, coa incorporación da vacinación fronte á Meninxite B -a partir de dous meses-, da vacina do VPH no caso dos varóns de 12 anos, e da vacina antigripal tetravalente para menores de entre 6 meses e 5 anos, Durán salientou que o Programa Galego de Vacinacións constitúe “unha das liñas de traballo de máis longa historia entre as actividades de Saúde Pública galega”, remarcando ademais que “conta cun amplo consenso respecto á súa efectividade e eficiencia”.

A directora xeral precisou que “é necesario seguir a traballar na inmunización da poboación máis alá da etapa infantil”, poñendo en valor o “Calendario de vacinación ao longo de toda a vida” co que o sistema sanitario público galego artella dun xeito cronolóxico e integral as vacinas recomendadas para cada tramo de idade.

Neste acto, moderado polo presidente da Asociación Española de Vacunología, Jaime Jesús Pérez; tamén participaron os directores xerais de Saúde Publica de Andalucía, Jorge del Diego Salas; de Castela-A Mancha, Juan Camacho Parejo; e de Murcia, José Jesús Guillén Pérez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2023