O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo director xeral de Cultura, asiste á apertura do museo sadense

Román Rodríguez avanza a incoación da declaración BIC do Museo Sargadelos-Carlos Maside

Culmina así un proceso no que foi preciso un intenso e minucioso traballo por parte dos técnicos de Patrimonio Cultural do Goberno autonómico

“O que é bo para Sargadelos é bo para Galicia e para a nosa cultura”, afirma o conselleiro ao tempo que celebra a reapertura do museo

Sada (A Coruña), 17 de xullo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia incoará este verán o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Museo Sargadelos-Carlos Maside de Sada. Así o manifestou durante a apertura do centro ao público tras as obras de reforma que vén de acometer co apoio do Goberno autonómico.

O titular de Cultura explicou que a resolución que acredita os valores culturais, museográficos e arquitectónicos do museo rematará este mes, para a súa remisión ao Diario Oficial de Galicia. Tal e como explicou, está previsto que se publique este verán.

Culmínase así un percorrido no que foi preciso un intenso e minucioso traballo dos técnicos. Grazas a isto, o museo contará con protección e recoñecemento patrimonial por ser un dos símbolos culturais de referencia de Galicia. Desde os anos 70 reuniu boa parte da plástica galega contemporánea. O conselleiro recordou que este recoñecemento BIC súmase ao aprobado tamén pola Xunta no ano 2014 para o conxunto da fábrica de Sargadelos en Cervo.

Obras de rehabilitación

No acto, no que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e no que se contou cunha nutrida representación do ámbito da arte galega, Román Rodríguez celebrou que desde hoxe se reanuden as visitas ao Museo Sargadelos-Carlos Maside. “Este é un bo día para a cultura galega ao reabrir un centro como este, unha institución cultural tan senlleira como ten sido e é este museo”. Salientou, ademais, que esta reapertura é posible tras as recentes obras de rehabilitación, que contaron coa colaboración da Xunta a través de dous convenios por máis de 130.000 tanto para os gastos de persoal e funcionamento como para a súa posta a punto.

“Todo o que é bo para Sargadelos, é bo para Galicia e para a nosa cultura, xa que, ademais de axudar a crear emprego, tamén xera unha sensación de orgullo co seu exemplo de manter os nosos valores e principios ao tempo que pode competir nos mercados máis internacionais sen renunciar ás nosas raíces”, declarou o conselleiro.

O Museo Sargadelos-Carlos Maside é unha institución ideada na década dos 70 por Luis Seoane e vinculada ao Laboratorio de Formas, pertencente á Fundación Sargadelos. O edificio é obra de Andrés Fernández Albalat e está formado por módulos hexagonais distribuídos arredor dun módulo central. Na súa colección atópanse obras de Castelao, Maruja Mallo, Francisco Lloréns, Xesús Corredoira, Luis Seoane, Maside, Colmeiro, Asorey, Eugenio Granell ou Urbano Lugrís, entre outros. Está situado, ademais, nun complexo arquitectónico que acolle a fábrica Cerámicas O Castro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2023