A Xunta destaca a evolución positiva do campus industrial de Ferrol cara á renovación da súa acreditación de excelencia para os próximos anos

A Consellería de Educación emite un informe intermedio favorable á renovación da acreditación cuxo proceso se iniciará en setembro a través do comité de avaliación externo
 

O secretario xeral de Universidades, xunto con técnicos do seu departamento, impulsan unha xornada de traballo para o seguimento dos proxectos e o seu impacto
 

O reitor da Universidade da Coruña abriu a xornada, que se completa con xuntanzas para analizar os resultados nos ámbitos da formación, captación e retención de talento, a transferencia de coñecemento e a participación en iniciativas europeas
 

Ferrol (A Coruña), 17 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia destaca a evolución positiva do Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña (UDC), como campus de excelencia, e emite un informe previo favorable á renovación deste selo de calidade para os próximos anos, xa que a acreditación actual está vixente polo período de catro anos entre 2021 e 2024.

 

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, xunto con técnicos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, participan durante toda a xornada de hoxe en diversas reunións de traballo para analizar os proxectos desenvolvidos ao abeiro deste selo de calidade que outorga a Xunta de Galicia, así como o seu impacto.

 

A xornada, que abriu o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, continúa con múltiples sesións de traballo técnicas onde se revisa a documentación para a renovación da acreditación, así como entrevistas cos grupos de interese que presentarán os resultados de captación e retención de talento investigador e o impacto da participación en proxectos europeos de investigación e docencia.

 

A xornada, que se enmarca dentro das accións de seguimento que vén realizando de xeito periódico o departamento de Universidades da Consellería, complétase con visitas aos distintos laboratorios e instalacións do campus para coñecer de xeito máis pormenorizado proxectos especialmente relevantes como o que realiza a unidade mixta de investigación Navantia-UDC.

 
Informe favorable imprescindible

Nas reunións, José Alberto Díez de Castro entregou aos responsables do campus o informe intermedio emitido polo seu departamento, con cualificación positiva do Campus Industrial. Este informe é imprescindible para afrontar a renovación do selo de excelencia para o próximo período. Este proceso retomarase a partir de setembro coa avaliación do comité avaliador externo.

 

No mencionado informe constátase a “evolución positiva dos indicadores fixados” polo dito comité, de aí que o departamento de Universidades informe favorablemente para que continúe mantendo a acreditación outorgada en 2021 como campus de especialización nos eidos naval e oceánico e no sector industrial.

 

Aprobación dunha nova achega

De feito, o Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de Galicia e de España en obter este selo de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que, desde que arrancou como proxecto en 2015, leva investidos uns 6,4M€ nel. Precisamente a semana pasada o Consello da Xunta autorizou unha nova achega de preto de 230.000€ para o ano 2024 co obxectivo de seguir desenvolvendo este proxecto de especialización centrado na investigación, a transferencia e a internacionalización.

 
Data de actualización: 17/07/2023