A Xunta adapta desde este mércores os itinerarios de 17 liñas de autobús en Valga afectadas polas obras da estrada provincial EP-8504

As modificacións estarán vixentes mentres estea cortada a estrada provincial, cuxos traballos impiden o tránsito por catro paradas de autobús na parroquia de Setecoros

Para garantir a prestación dos servizos de transporte público, a Xunta actualizará os horarios de saída e de chegada, incluirá novas paradas noutras liñas e adecuará a orde dos itinerarios nalgunhas paradas existentes

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2023 A Xunta adaptará desde este vindeiro mércores, día 19 de xullo, os itinerarios dun total de 17 liñas de autobús no concello de Valga, afectadas polo corte dun treito da estrada provincial EP-8504, ao seu paso por este municipio pontevedrés. 

En concreto, adaptaranse as liñas correspondentes á concesión do servizo de transporte público que pasan pola vía provincial na que se están a levar a cabo traballos que afectan a catro paradas de autobús localizadas na parroquia de Setecoros. 

Para garantir a prestación dos servizos de autobús, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou as adaptacións necesarias nas 17 liñas afectadas polo corte do tráfico nesta vía provincial. 

Esas adaptacións nos servizos de autobús consisten na actualización das horas de saída e de chegada das liñas afectadas pola supresión temporal das paradas, na inclusión de novas paradas noutras liñas ou no cambio de orde nalgunhas paradas existentes para adecuar os itinerarios. 

As adaptacións aprobadas pola Xunta estarán vixentes mentres duren as obras na estrada provincial, que teñen un prazo estimado de dous meses.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 17/07/2023