Xosé Merelles participa na presentación do Atlantic Fest, que terá lugar en Vilagarcía de Arousa a vindeira semana

Destacou que o turismo de festivais está sendo un puntal na recuperación tanto do sector cultural como do turístico

Contará coas actuacións de grandes artistas, como Viva Suecia, León Benavente, La Bien Querida, Sidonie ou Leiva
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do festival “Atlantic Fest”, que se celebrará dos días 20 ao 23 de xullo en Vilagarcía de Arousa.

Xosé Merelles fixo fincapé en que o Goberno galego segue coa premisa de potenciar e apoiar a programación musical en Galicia para seguir posicionando a nosa comunidade como un destino onde se pode desfrutar ao mesmo tempo, da música, da gastronomía, e no caso do Atlantic Fest, tamén de praia e postas de sol.

Neste senso, o director de Turismo de Galicia destacou que "grazas a este tipo de eventos, podemos mostrar a España e ao mundo que Galicia segue  avanzando na programación cultural e que, ademais, faino en contornas tan espectaculares como a de Vilagarcía de Arousa".

“A música abre camiño a amosar a nosa terra. Xa non cabe dúbida que o turismo de festivais está gañando cada vez máis adeptos en Galicia. Comezamos o ano pasado cos concertos do Xacobeo aos que asistiron máis de 1,1 millón de persoas con máis de 500 artistas chegados dende todos os lugares do mundo por máis de 70 concellos da nosa comunidade. Leváronse  a cabo 171 eventos, entre eles o Atlantic Fest”, destacou o director de Turismo de Galicia.

Na mesma liña, Xosé Merelles indicou que os festivais en Galicia están sendo un puntal na recuperación tanto do sector cultural como do turístico, xa que nestas datas miles de persoas enchen a nosa comunidade Galicia. “Sigamos poñendo a Galicia como cabeceira de cartel de festivais e concertos”, rematou Merelles.

O evento contará con artistas de renome no ámbito nacional e internacional como Viva Suecia, León Benavente, La Bien Querida, Sidonie ou Leiva, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023