Lorenzana asiste en Portamérica ao showcooking de Yayo Daporta en colaboración con Galicia Calidade

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou esta iniciativa que permite achegar a calidade, excelencia e posibilidades dos produtos galegos a todos os asistentes ao festival

Portas (Pontevedra), 15 de xullo de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe ao showcooking que o chef Yayo Daporta ofreceu no marco da undécima edición de Portamérica en colaboración con Galicia Calidade, que conta cun espazo propio no festival no que se están realizando catas e actividades por parte das empresas certificadas. Lorenzana destacou esta iniciativa que permite achegar a calidade, excelencia e posibilidades dos produtos galegos a todos os asistentes ao festival.

En concreto, Yayo Daporta fixo un total de oito elaboracións con produtos de Galicia Calidade. Un menú composto por tartar de navallas en conserva, paté de mariscos e algas Yayo Daporta con mexillón ao natural, sardiñas de San Xoán, fabas de Lourenzá estufadas con pilpil de polbo á galega, merluza de Celeiro crocante con emulsión de pementos de Herbón, canelón de polo gratinado con queixo San Simón, corte de queixo de Arzúa e marmelo con marmelada de pementos e perlas de pementón de Herbón.

As empresas que participan nesta iniciativa son Cabo de Peñas, Mariscos Alumar, Jealsa-Rianxeira, Terras da Mariña, Rosa de los Vientos, Merluza de Celeiro, A Pementeira e Grupo Sada. Ademais están presentes os viños de Gran Bazán, Vía Romana e Terriña así como Estrella Galicia e Cabreiroá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2023