O conselleiro do Medio Rural presidiu hoxe a clausura da asemblea xeral do Clúster da madeira e o deseño de Galicia

A Xunta pon en valor a colaboración público-privada para impulsar a industria forestal-madeira de Galicia

José González salientou que na nosa comunidade concéntranse máis da metade das cortas de toda España e que o sector galego bate récords de facturación, cunha previsión de chegar aos 2.800 millóns de euros no 2022

Debullou as diferentes medidas da Xunta a prol deste eido produtivo, caso das axudas para fomentar o uso de madeira como elemento estrutural na construción, a Axenda de impulso da industria forestal-madeira ou o Inventario Forestal Continuo de Galicia

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe a clausura da asemblea xeral do Clúster da madeira e o deseño de Galicia. Na súa intervención neste acto, González apelou á colaboración público-privada para traballar a prol do sector madeireiro e, por extensión, pola industria forestal-madeira no seu conxunto. Así, evidenciou a potencialidade do recurso endóxeno que representa a madeira para a nosa comunidade e a “potencialidade compartida” de impulsala decisivamente como tal.

 

Nesta liña, o conselleiro salientou o feito de que en Galicia concéntranse máis da metade das cortas de toda España. Por iso, cualificou como fundamental a devandita cooperación entre o público e o privado e o intercambio de opinións para avanzar na posta en valor das especies forestais de crecemento na nosa comunidade -as nosas especies autóctonas- e na promoción da construción en madeira a través deste recurso local. Unha colaboración que inseriu no Pacto Verde e na consecución dos seus obxectivos no marco da Unión Europea. Así mesmo, José González destacou a importancia e a necesidade de fomentar cadeas de valor que non só non emitan COsenón que mesmo xeren saldos positivos ao longo de todo o ciclo de vida dos produtos e engadiu que, neste contexto, Galicia conta cunha clara vantaxe, a madeira. En particular, o conselleiro salientou -ademais do volume de cortas na nosa comunidade, que representan o 53,7% do conxunto de España- que Galicia bate récords en facturación, cunha previsión de acadar os 2.800 millóns de euros no 2022.

 

Caixa de aforros do rural

Neste sentido, José González sinalou tamén que a madeira técnica pode chegar a triplicar o valor doutros produtos da industria forestal, co correspondente incremento do reparto de rendas aos habitantes do rural galego. Lembrou, por iso, que o monte pode considerarse como a “caixa de aforros” do noso rural e, por extensión, tamén de Galicia. Neste contexto, o conselleiro puxo de relevo que xa son 164 as empresas e particulares beneficiados pola liña de axudas da Xunta convocada no pasado mes de outubro e destinada preferentemente ao impulso de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, dotada cun total de case 2,5 millóns de euros.

 

Ademais, José González trasladou que a esta convocatoria únense outras liñas destacadas de axuda, como a dirixida aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos, dotada con 9 millóns de euros, unha convocatoria que -salientou- por primeira vez estableceu cinco liñas de acción concretas para asegurar o seu desenvolvemento. Engadiu que nesta orde incorporouse unha liña específica para serradoiros que contiña a posibilidade de dotarse de equipamentos para a clasificación estrutural de madeira ou para a creación de novas liñas de valor, como a produción de viga laminada.

 

 

Ao tempo, o conselleiro afirmou que, da mesma forma, as axudas á valoración e á segunda transformación da industria forestal madeira e do contract, dotadas con 2,6 millóns de euros, estableceron liñas específicas, e de novo unha delas dirixida ao impulso da fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción. O obxectivo neste caso -sinalou- é seguir a consolidar o segmento do contract en Galicia como punteiro a nivel internacional.

 

Panca para a promoción privada

En relación co uso da madeira neste eido, o titular de Medio Rural indicou que o ámbito público actúa como “panca para motivar a promoción privada” e puxo como exemplos a colaboración entre o seu departamento e o Sergas ou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para impulsar a utilización deste produto na construción dos novos centros sanitarios-asistenciais ou nos procesos de rehabilitación. Con respecto a isto último, puxo en valor os recentes traballos de restauración na Catedral de Santiago, centrados na reparación do patrimonio estrutural en madeira existente no templo compostelán. A maiores, o conselleiro recordou que Medio Rural está traballando tamén para executar integramente en madeira as novas bases de unidades operativas -coñecidas como BUO- do dispositivo de extinción de incendios forestais de Galicia.

 

En adición, José González referiuse á Axenda de impulso da industria forestal-madeira, integrada baixo o paraugas do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Esta axenda -dixo- consolídase como unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor da competitividade, favorecendo a loita contra o cambio climático, fomentando a planificación preventiva e a xestión forestal sustentable e activa do territorio galego. Algo que, engadiu o conselleiro, toma impulso grazas aos primeiros resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Unha ferramenta que, segundo explicou, proporciona mapas precisos sobre a dispoñibilidade real e potencial do recurso e que, polo tanto, facilita a toma das mellores decisións para o futuro do noso bosque e, polo tanto, tamén do noso sector.

 

En parecidos termos, González trasladou que a Xunta está traballando tamén na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, unha demanda do propio sector que permitirá aliñar o Plan Forestal coas necesidades da industria, conectando recurso e produto, remarcou.

 

Nesta mesma liña vai tamén, segundo comentou o conselleiro, a plataforma web xurdida dun proceso de cooperación entre o Clúster e a Consellería, destinada a dar resposta a todos aqueles prescriptores que teñan dúbidas no uso de produtos de madeira en construción e que contará, ademais, co asesoramento e soporte dos expertos do CIS-Madeira. Por medio deste portal -avanzou o conselleiro- difundiranse todas as actividades formativas sobre a materia que as diferentes entidades están a lanzar. Mencionou en concreto os acordos de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ou coa Plataforma de madeira estrutural da Universidade de Santiago de Compostela (Pemade).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023