O conselleiro do Mar visitou as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Vilanova de Arousa

A Xunta constata que é viable producir semente de mexillón en criadeiro coa entrega ao sector de máis de 11 millóns de unidades en apenas un ano

O titular de Mar salientou que esta alternativa para a obtención de cría permitiría reducir a dependencia do medio natural e que o modelo existente no Centro de Investigacións Mariñas, a pequena escala, é completamente exportable e replicable

O CIMA traballa en distintas liñas de investigación para coñecer case en tempo real a presenza de larvas nas rías co obxectivo de optimizar a captación e tamén para determinar a abundancia de mexilla no litoral da comunidade

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 14 de xullo de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón, en Vilanova de Arousa, onde destacou que o traballo realizado polos seus investigadores permitiu constatar que é viable producir semente de mexillón en criadeiro para o seu posterior traslado ás bateas, o que contribuirá a reducir a dependencia da extracción de mexilla do medio natural. De feito, o titular de Mar salientou que o ente dependente da Consellería do Mar entregou en apenas un ano máis de 11 millóns de unidades de cría a distintos produtores de mexillón da comunidade.

O representante da Xunta puxo en valor que os resultados acadados polo CIMA nos últimos meses fixeron que o interese do sector por este método alternativo de obtención de semente sexa cada vez maior. Neste sentido, se en 2022 colaboraron co centro de Corón un total de sete bateeiros da ría de Arousa para encordar nas súas bateas a mexilla producida, agora son xa nove, pertencentes tanto á ría de Arousa como á de Pontevedra.

Alfonso Villares tamén destacou que o seguimento realizado da semente encordada demostrou que multiplicou por 30 o seu tamaño nos primeiros 60 días, pasando duns 0,5 a 15,5 milímetros. Outra mostra deses bos resultados é o feito de que en xuño se recolleu a produción de cinco cordas con mexilla procedente do CIMA que xa levaba un ano no medio natural e que se traduciu nun milleiro de quilos brutos, en torno a 52.500 unidades de mexillón de tamaño europeo (arredor de 50 pezas por quilo). 

O conselleiro salientou que estas cifras son o mellor aval para un modelo de criadeiro a pequena escala desenvolvido pola Xunta que é perfectamente exportable e replicable polo propio sector. Nesta liña, o titular de Mar expuxo que a pretensión é contar cunha alternativa de obtención de mexilla á extracción no medio natural, pero que a finalidade non é cubrir o 100% das necesidades senón unha parte dela, reducindo así a presión sobre as rochas e facendo fronte a posibles períodos de escaseza.      

Na súa visita o titular de Mar tamén coñeceu en detalle outras liñas de investigación que ten en marcha o CIMA relacionadas coa mexilla, con varias delas para analizar a abundancia no medio, mellorar a súa captación ou ver a forma de mellorar a súa produción. Neste sentido, puido comprobar que se está a traballar con drons e intelixencia artificial para identificar a presenza de recurso no litoral e tamén na busca de mellores fórmulas de captación de semente.

Ademais, o Centro de Investigacións Mariñas participa xunto ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e a Universidade de Vigo nun proxecto para avaliar a presenza de larvas de mexillón no mar para ofrecer a mellor información posible ao sector bateeiro e optimizar o labor de captación das cordas ou doutros elementos colectores de cría.

I+D+i aplicada

Os centros dependentes do CIMA -á súa sede de Corón engádese o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo- participan na actualidade en distintas investigacións relacionadas co medio mariño que abordan aspectos tan diferentes como o seguimento das toxinas emerxentes ou a avaliación do impacto do parásito Marteilia cochilia no berberecho. Tamén investigan cuestións como a mellora dos procesos na produción de fitoplancto ou a evolución dos bancos de moluscos das rías de Ares-Betanzos, Arousa e Vigo, entre outras accións.

O Centro de Investigacións Mariñas traballa ademais en iniciativas promovidas ao abeiro do Plan Complementario de Ciencias Mariñas -financiadas con recursos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia europeo- e intervén en accións impulsadas no marco da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na comunidade autónoma de Galicia (Redemar). Nesta liña, avalía cuestións como a explotación do ourizo de mar, a recuperación de bancos naturais de ostra ou o cultivo de macroalgas no litoral galego.      

O titular de Mar quixo poñer en valor todo o labor de I+D+i aplicada que realiza o CIMA e a importancia de todo o coñecemento que aporta sobre o mundo do mar, vital para o desenvolvemento sustentable da actividade pesqueira e marisqueira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023