A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe con veciños da parroquia de Queiruga, en Porto do Son

A Xunta subliña que a Lei do litoral garante o acceso a servizos básicos e esenciais nos núcleos costeiros fronte á interpretación restritiva estatal

Ángeles Vázquez incide en que a nova regulación autonómica declara uso de carácter estratéxico as dotacións públicas de abastecemento e saneamento de augas xa que resultan indispensables para garantir a calidade de vida das poboacións costeiras

Explica que a normativa, publicada onte no DOG e que entrará en vigor o 2 de agosto, busca resolver situacións e problemas aos que se enfrontan os municipios de costa pola aplicación de políticas “impostas desde Madrid” e afastadas da realidade galega

Porto do Son (A Coruña), 14 de xullo de 2023

A Xunta subliñou hoxe que a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia garante e facilita o acceso a servizos básicos e esenciais, como pode ser o saneamento, ás poboacións asentadas en núcleos costeiros tradicionais e que, ata o de agora, vían restrinxido este dereito pola interpretación restritiva da Lei de costas por parte do Estado.

Así llo trasladou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a unha decena de veciños de Porto do Son, que viven ao carón da praia de Queiruga e levan anos reclamando a conexión das súas casas á rede de saneamento que dá servizo ao municipio para non ter que depender de pozos negros particulares para xestionar as súas augas residuais.

Tras lembrar que a lei foi publicada onte no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o 2 de agosto, a vicepresidente segunda explicou que nesta nova norma a Xunta marcou unha serie de usos estratéxicos e prioritarios con encaixe no dominio público marítimo-terrestre e tamén en zona de servidume, categoría na que enmarcou, precisamente, os servizos de saneamento e de auga potable nos núcleos tradicionais costeiros xa que resultan indispensables para garantir a calidade de vida da veciñanza.

Fronte a esta visión da Xunta, Ángeles Vázquez lamentou que nos últimos anos son “múltiples os casos ao longo de toda a costa galega” nos que as actuacións necesarias para garantir este tipo de servizos se atopan coas trabas de Costas do Estado.

Neste sentido, explicou que o Goberno central, a partir dunha “interpretación excesivamente restritiva, sen ningunha lóxica e non amparada en ningún estudo científico”, acaba opoñéndose “reiteradamente” a este tipo de actuacións co argumento de que hai que buscar “outra localización”.

“Galicia non vai vivir de costas ao mar, Galicia vive fronte ao mar”, declarou Vázquez Mejuto, que engadiu que a nova lei responde a unha visión “ideoloxizada” e “imposta desde Madrid” do litoral que non se axusta á realidade galega e garante a “protección” da costa ofrecendo tamén, á vez, o “equilibrio” necesario para seguir mantendo as actividades económicas historicamente ligadas a estas zonas e a súa vida social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023