O presidente participa nunha recepción ao alumnado destes estudos en Culleredo

Rueda destaca que a Xunta ofrecerá o vindeiro curso bolsas para cursar FP Dual a galegos do exterior co obxectivo de promover o seu retorno á comunidade

Agradece ao alumnado participante que fixe a súa residencia na comunidade para “seguir construíndo a Galicia potente que impulsamos entre todos”

Resalta que favorecer o retorno de galegos do exterior é “unha aposta estratéxica” da Xunta

O reforzo das bolsas para cursar FP enmárcase na Estratexia Galicia Retorna que busca facilitar e promover o regreso de 30.000 galegos que viven fóra da comunidade ata 2026

O Goberno galego ofrece outras axudas aos retornados como achegas para afrontar os primeiros gastos do traslado, bolsas para cursar másteres en campus galegos ou unha oficina de asesoramento e información especializada
 

Culleredo (A Coruña), 14 de xullo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta ofrecerá o vindeiro curso por primeira vez bolsas para que galegos do exterior regresen a Galicia para estudar un ciclo de FP Dual. Esta iniciativa, pola que recibirán axudas 60 estudantes, forma parte da Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego quere promover o retorno de 30.000 galegos que viven fóra da comunidade ata 2026.

Rueda participou, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na recepción do alumnado que este ano cursou estudos de FP en Galicia grazas as axudas que ofrece a Xunta a través do proxecto Retorna Mocidade que a partir do próximo curso pasará a denominarse Retorna Talento FP. O presidente agradeceu “a valentía” dos que decidiron dar o paso de trasladarse a comunidade galega e que axudan “a seguir construíndo Galicia; a Galicia potente que impulsamos entre todos”; do corpo docente que imparte as clases e das empresas que colaboran nos ciclos de FP Dual, que ven nestes estudos “unha oportunidade para facer fronte as carencias de man de obra formada” que rexistran algúns sectores.

O presidente subliñou a “aposta pola FP” que está realizar a Xunta desde hai anos e que fai que “cada vez máis xente se matricule” nestas ensinanzas. “A FP é a primeira opción para moita xente con moi bos expedientes”, resaltou Rueda, quen cree que gran parte do éxito está en que son ensinanzas que se adaptan ás necesidades e demandas do mundo laboral.

Nesta aposta por reforzar a FP, a Xunta amplía o programa de bolsas para os galegos do exterior que veñen a Galicia a cursar estas ensinanzas. Deste xeito, o Goberno autonómico vai destinar o vindeiro curso preto dun millón de euros a 108 bolsas para que galegos do exterior amplíen a súa formación cursando un ciclo de FP na comunidade. Do centenar de prazas ofertadas, 48 serán para programas específicos de formación -como os que xa se estaban ofertando ata agora en tres centros (o CIFP Universidade Laboral en Culleredo, o CIFP de Someso na Coruña e o CIFP Ferrolterra)- e outras 60 destinaranse á modalidade de FP Dual a distancia que permitirá compatibilizar a teoría con prácticas nas empresas.

Os alumnos poderán formarse en carpintería, hostalería, coidados, construción ou instalacións térmicas e de fluídos nos cursos que ofertarán cinco centros -Universidade Laboral (Culleredo), Someso (A Coruña), Ferrolterra (Ferrol), IES A Chapela (Redondela) e o CIFP de Vilamarín- e nos que participarán 25 empresas de toda Galicia. Durante o primeiro curso poderán realizar unha parte da formación a distancia, pero as práctica serán sempre presenciais, ao igual que todo o segundo curso.

A contía das bolsas que ofrece o Goberno autonómico oscilará entre os 6.500 e os 10.800 euros por alumno e curso, en función da modalidade de FP elixida. O obxectivo é acadar a integración no mercado laboral galego destes retornados.

Rueda asegurou que facilitar o retorno aos galegos exterior é “unha aposta estratéxica” da Xunta xa que “é un dereito” dos que no pasado tiveron que emigrar ou os seus descendentes e para afrontar “o reto demográfico”.

Para facilitarlles o retorno, a Xunta impulsa diferente medidas como axudas para afrontar os gastos iniciais da chegada a Galicia; achegas aos que buscan emprender en Galicia; un programa específico para garantir contratos indefinidos a 400 galegos do exterior en postos que no se ocupan con residentes en Galicia; as bolsas BEME para que a mocidade veña á comunidade a estudar un máster ou a Oficina de Asesoramento ao Retorno que acompaña a cada galego no proceso de chegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023