O secretario xeral da Emigración destaca a importancia das entidades do exterior na transmisión da cultura galega no acto de clausura do programa Escolas Abertas

Antonio Rodríguez Miranda entregou, na Escola Superior de Hostalería de Galicia, os diplomas ao medio centenar de participantes que recibiron, durante estas dúas pasadas semanas, formación especializada en actividades de cultura tradicional galega, confección de traxes tradicionais e cociña galega

Durante estes días, os participantes, membros de entidades galegas de Europa e América, recibiron tamén a visita de recoñecidos músicos, artesáns, bailaríns e cociñeiros

Mañá sábado os alumnos amosarán o aprendido nunha gala que se desenvolverá na praza de Amboage en Ferrol a partir das 19.30 horas que rematará co espectáculo de gaita e luz Mitic

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fixo entrega esta mañá dos diplomas aos alumnos que participaron no programa Escolas Abertas que permitiu a formación en diferentes eidos musicais, gastronómicos e artesanais de medio centenar de galegos do exterior, membros das entidades galegas de Europa e América. No acto estivo acompañado pola directora da Escola Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández Vázquez, e a subdirectora de Coordinación Administrativa e Programas Sociais da Secretaría Xeral da Emigración, Isabel Martínez Pellicer.

Rodríguez Miranda felicitou a tódolos participantes por estas dúas semanas intensas de formación e destacou a importancia das entidades do exterior das que proceden na transmisión da cultura galega. “Todo o que aprendestes estes días con estes fantásticos mestres e a través das máster class de recoñecidos músicos, artesáns, bailaríns e cociñeiros será agora trasladado ás novas xeracións a través das clases que os centros galegos ofrecen para a nosa colectividade en todos os vosos países”, explicou o secretario xeral da Emigración.

Este programa, que leva desenvolvéndose varias décadas, está dirixido ás entidades galegas do exterior, e permite dar formación especializada ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, de confección de traxes tradicionais galegos e de cociña galega.

Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América.

 
 
 
 
 


Entre os participantes atópanse galegos chegados dos centros de Cuba, Arxentina, Uruguai, México, Chile, Costa Rica, Estados Unidos, Venezuela e Brasil, así como de diversos centros de toda España.

 

Os alumnos pecharán estas dúas semanas de formación o próximo sábado, día 15, cunha gala de presentación na praza do Marqués de Amboage de Ferrol, ás 19.30 horas. Os participantes ofrecerán á cidadanía de Ferrol e aos membros das asociacións culturais da localidade diversas actuacións musicais e de danza, así como tamén un desfile cos traxes tradicionais que confeccionaron estes días. A gala rematará co espectáculo de gaitas e luz Mitic.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023