A Xunta pon a Anfaco-Cecopesca como exemplo da aposta constante da cadea mar-industria galega pola innovación e a promoción dos produtos pesqueiros

Vigo, 14 de xullo de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe as instalacións de Anfaco-Cecopesca e mantivo un encontro cos seus representantes para analizar a situación da industria de transformación de produtos no mar. O titular de Mar puxo esta entidade como exemplo da aposta constante da cadea mar-industria pola innovación, o que fai que sexa moi competitiva e un referente tanto a nivel nacional como internacional. Neste sentido, lembrou que leva desenvolvidos nos últimos anos preto dun cento de proxectos de I+D+i que contribuíron ao crecemento do sector e a que superase con nota os desafíos do día a día da súa actividade.

O representante da Xunta tamén salientou a permanente vontade de colaboración dos responsables de Anfaco-Cecopesca coa Administración para acadar obxectivos comúns. Un deles é a promoción e mellora da comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura, para o que cada ano o Executivo galego e a organización de empresas de transformación asinan un convenio que inclúe múltiples accións para animar ao conxunto da cidadanía a consumir alimentos de orixe mariña. Nesta liña, Alfonso Villares incidiu na importancia de garantir o futuro da industria e que manteña a súa excelencia, un reto ao que pretende axudar, destacou, a recentemente aprobada Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023