O Sergas publica os admitidos no concurso de méritos nas categorías facultativo especialista e pediatra de atención primaria, postos de difícil cobertura en hospitais comarcais e saúde mental

Convócanse 329 prazas por concurso de méritos para postos de difícil cobertura

Resultan admitidas provisionalmente no proceso de concurso de méritos 1277 persoas

Galicia é pioneira neste sistema de acceso tanto en atención primaria como en hospitais

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas nos procesos selectivos, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo das categorías de pediatra de atención primaria, facultativo especialista de atención primaria, e facultativo especialista de área en diversas especialidades.

Esta convocatoria, terá como resultado a incorporación de persoal fixo neste mesmo ano de 116 prazas en distintas especialidades de facultativo especialista de área para postos en hospitais comarcais (anestesia, traumatoloxía, radioloxía, xinecoloxía, médico/a de urxencias...), 81 en saúde mental (44 de psiquiatras e 37 de psicólogos clínicos), 60 prazas de pediatra de atención primaria e 72 prazas de facultativo/a especialista de atención primaria. As 329 prazas serán adxudicadas sen a realización de exames de oposición, coa baremación do currículum dos participantes.

 

As categorías con maior número de aspirantes admitidos/as son: facultativo especialista de atención primaria (214), psicoloxía clínica (128), psiquiatría (107) e pediatra de atención primaria (104).

Resultaron admitidos/as, con carácter provisional, un total de 1.277 aspirantes e foron excluídos/as 54 dos/as profesionais inscritos/as por non acreditar o cumprimento de requisitos esixidos nas convocatorias.

As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado pola propia persoa aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os/as aspirantes excluídos/as, ou que non aparezan na lista de admitidos/as ou excluídos/as, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 31 de xullo), para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os/as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura

Estes procesos selectivos resultan da execución da Lei galega 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega, co obxectivo de incorporar persoal fixo con carácter urxente en atención primaria facultativos especialista e pediatras, en hospitais comarcais en diversas especialidades e persoal especialista no ámbito da saúde mental.

Xunto coa convocatoria de 94 prazas de enfermeira/o de saúde mental publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia, cubriranse 423 prazas de especialistas en ciencias da saúde por concurso de méritos en execución da Lei galega 2/2022.

Data de actualización: 14/07/2023