A Xunta pon en marcha desde mañá unha nova liña para facilitar os desprazamentos do persoal sanitario desde Lalín e Silleda cara aos hospitais de Santiago

O servizo estrearase este luns ás 06,35 horas e contará con 6 expedicións diarias, 3 de ida e 3 de volta, segundo as quendas de traballo do persoal sanitario

Con esta nova liña a Xunta dá resposta ás peticións trasladadas polos usuarios e polos Concellos de Lalín e de Silleda, reforzando ao tempo as conexións entre ambos os dous municipios con Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2023

A Xunta porá en marcha mañá luns, día 17 de xullo, unha nova liña de autobús que permitirá ao persoal sanitario dos municipios de Lalín e de Silleda acudir aos seus postos de traballo no Hospital Clínico de Santiago e no Hospital de Conxo.

Este novo servizo estrearase mañá, ás 06,35 horas e contará con 6 expedicións diarias, 3 de ida e 3 de volta, segundo as quendas de traballo do persoal sanitario.

A nova liña, cuxa denominación é Lalín-Hospital de Conxo, estará operativa todos os días da semana durante todo o ano e contará con 6 expedicións, con frecuencias distribuídas en horario de mañá, tarde e noite.

Para acudir ao hospital, o novo servizo de autobús sairá da estación de autobuses de Lalín ás 06,35, ás 13,35 e ás 20,35 horas. Para retornar aos seus fogares, os usuarios disporán de servizos que iniciarán percorrido no Hospital de Conxo ás 08,15, ás 15,15 e ás 22,15 horas.

A viaxe terá unha duración estimada de 1 hora e 10 minutos e o itinerario abranguerá as seguintes 15 paradas: Lalín estación e autobuses, Bergazos, Taboada, Silleda, Bandeira, Lamela, Penaporrín, Loimil, Balboa, Arnois, Ponte Ulla, Ribadulla, Santiago estación intermodal, Hospital Clínico de Santiago e Hospital de Conxo.

Con esta nova liña, a Xunta dá resposta ás peticións trasladadas polos usuarios e polos Concellos de Lalín e de Silleda, que demandaban maiores conexións cos hospitais de Santiago co obxectivo de adaptar os servizos ás quendas de traballo actuais do persoal sanitario, no seu compromiso continuo por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 16/07/2023