A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a concesión de 118 novas axudas para o achatarramento de vehículos de transporte por estrada por máis de 2,9 M€

O DOG tamén recolle o outorgamento de 3 axudas para a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, cun investimento de 120.000 €

Estas iniciativas enmárcanse na aposta que está a realizar a Xunta polo sector do transporte, destinando ata o ano 2024 un orzamento de case 20,4 millóns de euros a incentivos para a transformación de vehículos de transporte de viaxeiros e de mercadorías

Desde a apertura da orde de axudas en abril de 2022, a Xunta leva mobilizado máis de 13,2 millóns de euros, cun total de 323 axudas dirixidas ao achatarramento de vehículos de transporte por estrada e 24 á adquisición de vehículos de enerxías alternativas

Estes incentivos inclúen tamén a modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias

Con estas axudas búscase favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e incidir na diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu un total de 118 novas axudas para o achatarramento de vehículos de transporte por estrada, destinando un orzamento de máis de 2,9 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución coa listaxe destas subvencións concedidas do 1 de maio ao 30 de xuño de 2023, e cuxa información detallada se pode ampliar a partir do seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230714/AnuncioG0533-060723-0001_gl.html

O DOG tamén recolle o outorgamento de 3 novas axudas dirixidas á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono,  cun investimento de 120.000 €.

Estas liñas de axudas enmárcanse na aposta que está a realizar a Xunta a prol do sector do transporte, destinando ata o ano 2024 un orzamento que rolda os 20,4 millónes de euro a incentivos para a transformación de vehículos de transporte de viaxeiros e de mercadorías.

Desde o lanzamento desta convocatoria en abril do 2022, a Xunta leva mobilizado algo máis de 13,2 millóns de euros, nun total de 323 axudas dirixidas ao achatarramento de vehículos de transporte por estrada e 24 á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono.

A este respecto, ademais das subvencións dirixidas ao achatarramento das frotas ou á compra de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, tamén se fomentan os incentivos para a modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

O obxectivo desta iniciativa é favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e contribuír á diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Estas medidas impulsadas pola departamento de Infraestruturas da Xunta enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Data de actualización: 14/07/2023