A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os participantes nestas actividades que forman parte da campaña de verán do Executivo autonómico

A Xunta axuda a dinamizar o patrimonio histórico, turístico e cultural con dous campos de voluntariado en Viana do Bolo e Larouco

No de Viana do Bolo realízanse performance en vivo e de rúa en lugares de gran valor histórico do municipio, como a Torre do Homenaxe
 

En Larouco, os voluntarios participan xunto a un equipo de especialistas nunha escavación arqueolóxica no xacemento do Castrillón
 

Viana do Bolo e Larouco (Ourense), 13 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia contribúe este verán a recuperar o patrimonio, así como a dinamizar a actividade turística e cultural de Viana do Bolo e Larouco a través de dous campos de voluntariado, que se están a desenvolver nestes dous concellos. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os participantes nestas actividades, que forman parte da campaña de verán do Executivo autonómico.

 

O campo de Viana do Bolo é de temática teatral e nel danse cita desde o martes da semana pasada ata este sábado doce mozos procedentes de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro —concretamente de Madrid, Zaragoza, Barcelona, Valencia, León, As Palmas, México, Francia e Italia—. O obxectivo desta proposta é poñer en valor a historia do concello e axudar á dinamización turística e cultural do municipio a través da dramatización da historia.

 

Os participantes neste campo levan a cabo performance en vivo e de rúa en lugares emblemáticos como son a Torre da Homenaxe e a praza e os xardíns de Cabo da Vila; e tamén acondicionan e divulgan diferentes rutas do municipio. O programa de actividades complétase con rutas en bicicleta de montaña, visitas ao Parque Natural do Invernadoiro e xornadas de tarde na piscina e na praia fluvial de Vilariño de Conso.

 
Medio ambiente e arqueoloxía

No campo de voluntariado de Larouco conviven durante dez días 13 persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia, doutras zonas de España —Madrid, Cidade Real, Biscaia e Zaragoza—, de México e da República Checa. A temática desta proposta é medioambiental e arqueolóxica, e a actividade principal localízase na contorna do xacemento arqueolóxico do Castrillón.

 

Os participantes neste campo realizan sondaxes arqueolóxicas integrados nun equipo de especialistas e participan como apoio nunha escavación arqueolóxica que ten como principal misión localizar materiais e estruturas que poidan axudar a datar este milenario poboado castrexo. Ademais destas tarefas, os voluntarios tamén desfrutan de rutas de sendeirismo; fan visitas culturais ao santuario das Ermidas, á Torre do Bolo, ás covas de Seadur, ao Parque Natural Serra Enciña da Lastra ou As Médulas; e pasean en catamarán polo canón do río Sil.

 

Ampla oferta de actividades na provincia

A Xunta organiza este verán un total de once campos de voluntariado na provincia de Ourense, que suman máis de 165 prazas. Estes celébranse nos concellos de Larouco, Celanova, Viana do Bolo, Monterrei, O Pereiro de Aguiar, Vilar de Santos e Allariz, Bande, Esgos, Muíños, Vilariño de Conso e A Veiga.

 

A estes campos, hai que engadir os campamentos, os minicampamentos ‘Coñece Galicia’ e outras actividades que a Xunta organiza na provincia ourensán ao abeiro da campaña de verán deste ano, e que supoñen máis de 1.500 prazas para que os nenos desfruten das súas vacacións e as familias poidan conciliar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023