O presidente asiste á inauguración do ‘Encontro. Impacto positivo’ organizado por Cesuga na Toxa

Rueda destaca o compromiso das empresas galegas para seguir construíndo unha Galicia potente a través dun tecido económico forte e competitivo

Pon en valor que Galicia é unha terra atractiva para investir ao ofrecer estabilidade, garantías e certezas aos empresarios

Apunta que a futura Lei de recursos naturais será unha boa ferramenta para apoiar ao tecido empresarial á hora de afrontar a dobre transición enerxética e dixital

Adianta que a sociedade mixta que contempla esta Lei poderán estar constituída este mesmo verán
 

O Grove, 13 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia do traballo e compromiso das empresas galegas, xeradoras de riqueza e emprego, á hora de seguir consolidando unha Galicia potente e competitiva.

Así o sinalou hoxe durante a inauguración de O encontro. Impacto positivo, un evento organizado por Cesuga na Toxa. Durante o acto, no que estivo acompañado polos conselleiros de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e de Medio Rural, José González, agradeceu o seu esforzo tanto ao tecido empresarial, “desde os máis grandes aos máis pequenos que crean riqueza”.

Neste sentido, apuntou que é labor da Administración corresponder ese compromiso ofrecendo estabilidade, garantías e certezas para investir. Así, concretou que a estabilidade se traduce nuns datos económicos sólidos, cunha Galicia que recuperou o nivel de PIB antes que a media e que vén de pechar o mellor cuadrimestre en canto ás exportacións; que as garantías se basean en ferramentas como a axenda financeira dotada de máis de 135 millón de euros ou a Lei de simplificación administrativa; e que as certezas se sustentan en dotarse de plans para a internacionalización ou innovación.

Grazas a todo isto, considerou que Galicia se ten configurado como unha terra atractiva para investir e que, proba diso, é que dispón de proxectos estratéxicos en carteira de cara o futuro. Aínda así, lamentou que moitos deles aínda estean á espera dos fondos europeos prometidos e urxiu ao Goberno central á súa tramitación. “Hai catro ou cinco proxectos que poden crear miles de postos de traballo e que seguen esperando un ano despois que eses fondos se mobilicen e se antes era urxente agora o é moito máis”, destacou Rueda.

Lei de recursos naturais

O presidente da Xunta tamén se referiu á revolución industrial e verde na que estamos inmersos actualmente. Para afrontar este dobre reto, a Xunta está traballando na Lei de recursos naturais, pioneira en España, que garantirá que os beneficios que se obteñan de aproveitar estes recursos revertan en Galicia. “Aí subxace esa idea de que é posible explotar os nosos recursos naturais beneficiando á xente que vive onde están os recursos e a Galicia en xeral, ao tempo que se coida exquisitamente toda a contorna ambiental e sendo sostibles”, asegurou.

Neste sentido, esta nova normativa contempla tamén a creación dunha sociedade mixta para xestionar proxectos enerxéticos, na que estará blindada a posición de control da Xunta e que garantirá que se teña en conta o impacto social e ambiental en todos os proxectos que apoie. Para conformala, lanzouse unha manifestación de interese á que se sumaron unha vintena de empresas, que presentaron propostas que superan amplamente o obxectivo inicial de 20 millóns de euros de capital privado. A previsión é que esta sociedade poida ser constituída este mesmo verán.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023