A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, detallou as actuación en marcha e as previstas en resposta a unha pregunta no marco da Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta avanza nas obras dos colectores e do tanque de tormentas do Río Pontiñas e compromete un investimento total de 16 M€ no saneamento do núcleo urbano de Lalín

Teresa Gutiérrez explica os traballos en execución para aumentar a capacidade dos colectores do río Pontiñas e a construción dun tanque de tormentas co obxectivo de mellorar o funcionamento do sistema en tempo de chuvias e evitar vertidos

A previsión é que a actuación poida estar en servizo a finais do vindeiro ano

Informa de que o pasado mes de maio comezou o traballo de redacción do proxecto de mellora da depuradora de Corredoira, que determinará a conveniencia de ampliar a planta existente ou si cómpre construír unha nova
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023 A Xunta avanza actualmente na execución das obras de renovación dos colectores e de construción dun tanque de tormentas no río Pontiñas, co compromiso de investir un total de 16 M€ na mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, destacou hoxe no Parlamento que o obxectivo é poñer en servizo a primeira fase das obras a finais do vindeiro ano 2024, tras un investimento de máis de 6,7 millóns de euros.

Gutiérrez, detallou que a Xunta está a executar as obras para aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e na construción dun tanque de tormentas co obxectivo de mellorar o funcionamento do sistema de saneamento e evitar os vertidos, especialmente en tempo de chuvia.

As actuacións consisten na construción dunha rede de colectores interceptores, executándose catro treitos principais, ademais de pequenos treitos de entronque coa rede existente; e un tanque de tormentas cunha capacidade de retención de 5.000 metros cúbicos

O tanque de tormentas, unha estrutura semisoterrada que permite o baleirado por gravidade, sen bombeo, contará cun edificio auxiliar no que se instalará un pretratamento para que o caudal que non poida derivarse á depuradora poida ser pretratado.

Segundo explicou Teresa Gutiérrez, as actuacións en marcha deben ir ligadas, necesariamente, á ampliación da capacidade da depuradora para que poida xestionar todos os volumes de augas residuais retidos durante os episodios de choiva no tanque de tormentas.

Tendo en conta iso, Augas de Galicia está a traballar en colaboración co Concello de Lalín na procura da solución máis axeitada para a mellora da estación de tratamento de augas residuais, o que permitirá que tamén en tempo seco mellore o funcionamento do sistema de saneamento.

Así, a directora de Augas de Galicia concretou que o pasado mes de maio comezou a redacción do proxecto construtivo para a mellora da depuradora de Corredoira, un traballo ao que a Xunta destina investimento de 15.000 euros e que debe estar rematado en marzo de 2024.

Apuntou que a través dese traballo se determinará a conveniencia de ampliar a depuradora existente ou se é preciso construír unha nova co obxectivo de xestionar todas as augas residuais actuais e cubrir tamén as necesidades da poboación futura.

Teresa Gutiérrez incidiu que ambas as actuacións: a execución dos colectores interceptores e o tanque de tormentas e a ampliación da depuradora permitirán resolver a problemática actual, estimándose un investimento total, sen incluír o deseño actual da depuradora, que pode chegar aos 16M€.

Ambas as dúas actuacións estarán cofinanciadas polos fondos europeos Feder 2014-2020 e Feder 21-27.

Explicou que ambas as actuacións están recollidas como prioritarias no  Plan Director de saneamento do núcleo urbano de Lalín elaborado desde Augas de Galicia, en coordinación co Concello de Lalín, para a mellora do sistema de saneamento e depuración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023