A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, reuniuse esta mañá co alcalde de Gondomar para abordar as afeccións ao tráfico e a proposta alternativa de desvío realizada polo Concello

A Xunta iniciará no outono as obras para reducir o risco de inundación dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar, ás que destinará un investimento de 2,6 M€

Teresa Gutiérrez lémbralle ao alcalde que o proxecto aprobado, ao que o Concello lle deu o seu visto bo, recollía un plan de desvío do tráfico para a execución dos traballos que agora a administración local rexeita

Incide en que a Xunta analizará a viabilidade da nova alternativa de desvío trasladada polo Concello, tendo en conta que afecta a estradas da Xunta e ás rutas do transporte escolar

Explica que, no caso de validarse esa proposta, poderán comezar unhas obras necesarias, que acumulan retraso pola negativa do Concello ao plan de tráfico definido inicialmente pola Xunta

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

A Xunta ten previsto iniciar a comezos de outono as obras destinadas a reducir o risco de inundacións dos ríos Miñor e Zamáns, no municipio de Gondomar, que suporán un investimento autonómico de 2,6 millóns de euros.

 

Así llo trasladou esta mañá a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, ao alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira, nunha reunión na que abordaron as afeccións ao tráfico que suporá a execución dos traballos e a proposta alternativa de desvío realizada polo Concello.

 

No encontro, Teresa Gutiérrez lembroulle ao rexedor municipal que o proxecto aprobado por Augas de Galicia, ao que o Concello lle deu o visto bo, recollía xa un plan de desvío do tráfico que agora a administración local rexeita.

 

Incidiu en que a Xunta avaliará a viabilidade da nova alternativa de desvío trasladada hoxe polo Concello, tendo en conta que afecta a estradas de titularidade da Xunta e ás rutas do transporte escolar.

 

A directora explicou que, unha vez sexa avaliada a proposta que formulou o Concello e, no seu caso, validada, será cando se poidan iniciar as obras para reducir o risco de enchentes nos ríos Miñor e Zamáns, actuacións moi necesarias que acumulan retraso pola negativa do Concello ao plan de tráfico proposto inicialmente pola Xunta.

 

Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

 

Actuacións necesarias para reducir o risco de inundacións

Cómpre lembrar que as bacías dos ríos Miñor e Zamáns forman parte dunha área de risco potencial significativo de inundación e a Xunta quere contribuír a minoralo mediante esta actuación que se vai executar no marco dun acordo de colaboración co Concello

 

Para acadar este obxectivo, prevese acometer actuacións estruturais para mellorar a drenaxe na zona na que a confluencia dos ríos Miñor e Zamáns incrementa o risco das crecidas.

 

As intervencións enmárcanse na colaboración da Xunta co Concello de Gondomar, pola que a Administración autonómica se comprometeu a executar e financiar integramente as obras, mentres que o municipio asumiu o deber de poñer os terreos á disposición.

 

As obras executaranse no treito do río Miñor que vai desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do antigo colexio- ata a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns que vai desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.

 

Para iso levarase a cabo a demolición desa ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dun novo viaduto con máis amplitude que permita aumentar a capacidade de desaugue fronte ás enchentes; e a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor.

 

Tamén se procederá á elevación da altura do muro do río Zamáns; ao rebaixe para eliminar o recheo xunto ao campo de fútbol, na marxe esquerda do río Miñor; e á limpeza das canles de ambos os dous ríos, á recuperación do bosque de ribeira ou á adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares.

 

Estas intervencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Data de actualización: 13/07/2023