O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta continúa a traballar para poder rematar este ano a reconstrución da ponte de Ponte Arnelas

Francisco Menéndez sinala que se está a avanzar nos traballos previos para demoler o taboleiro da ponte na segunda semana de agosto e poder comezar a execución da nova ponte, que en gran parte se fabricará en taller, ao ser unha estrutura metálica

Adianta que se instalará unha barreira antiturbidez no río e unha lona para evitar verteduras ao leito durante as intervencións

Detalla que o novo vano central suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o arco e os tirantes, pero gañará en estética e integración

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

A Xunta continúa a traballar para poder rematar este ano a reconstrución da ponte de Ponte Arnelas

 

Avanzouno hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde precisou que se está a avanzar nos traballos previos para demoler o taboleiro da ponte na segunda semana de agosto.

 

Explicou que actualmente se están realizando as tarefas necesarias para a retirada dese taboleiro. Para isto, estipulouse a necesidade dun arriostramento transversal atirantado da ponte, precisando 4 bases, dúas enterradas, de formigón; outra feita in situ e que se trasladará ao punto de ancoraxe; e unha cuarta que será directamente unha rocha natural.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou, ademais, que para evitar verteduras ao leito do río durante os traballos, se instalará unha barreira antiturbidez e unha lona.

 

Segundo a planificación prevista, estas tarefas estarían preparadas na primeira semana de agosto para comezar a demolición do taboleiro na segunda semana e ao longo dun prazo de 2 meses.

 

Unha vez realizados estes traballos, comezarase a disposición da nova ponte, que en gran parte se fabricará en taller, ao ser unha estrutura metálica.

 

Francisco Menéndez lembrou que, en paralelo e tendo en conta a información sobre o estado da estrutura que proporcionaron as inspeccións realizadas, a Xunta traballou no deseño de diferentes alternativas para a reconstrución da ponte.

 

Puntualizou que, na solución que se vai executar, o novo vano central mudará a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o arco e os tirantes, pero gañará en estética e integración.

 

A este respecto referiuse á integración que proporcionará a propia estrutura de dous niveis, destinándose o superior para o tráfico rodado, e o inferior para o paso de peóns.

 

Tamén incidiu en que se vai reforzar a cimentación da ponte para montar a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas. A partir de aí, será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, impermeabilización, pavimentación, pintado ou instalación de peitorís.

 

Resposta inmediata e responsable

O director puxo en valor a resposta responsable da Xunta, que en canto se detectaron danos en varias péndoas, actuou de inmediato, cortando o tráfico nese punto e mantendo un contacto permanente cos concellos de Ribadumia e de Vilanova de Arousa.

 

Apuntou que, a diferenza do Goberno central no caso do colapso do viaduto da A-6, a Xunta tomou decisións de forma áxil. Así, nun primeiro momento, adoptáronse medidas para que non houbera circulación rodada nin peonil; e estabilizouse a estrutura da ponte para evitar o seu colapso.

 

Sinalou que se inspeccionou en profundidade a estrutura, aclarando as causas e o alcance dos danos, que se concentran no vano central da ponte.

 

Coa información obtida, adoptouse unha decisión sobre o mellor procedemento para restituír a funcionalidade da ponte, procedeuse á desmontaxe do vano sobre o río e traballouse na programación dos traballos de reconstrución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023