Miranda e Merelles coñecen os obradoiros de cultura galega que están a realizar os participantes do programa Escolas Abertas no Centro Superior de Hostelería de Galicia

O secretario xeral da Emigración e o director da Axencia Turismo de Galicia coñeceron ao medio centenar de galegos do exterior que están a recibir dende o pasado xoves día 6 formación especializada en actividades de cultura tradicional galega, confección de traxes tradicionais e cociña galega


Durante estes días, os participantes, membros de entidades galegas de Europa e América, recibiron tamén a visita de recoñecidos músicos, artesáns, bailaríns e cociñeiros
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, visitaron hoxe os distintos obradoiros que se están a impartir no Centro Superior de Hostalería de Galicia dentro do programa Escolas Abertas, no que participan medio centenar de galegos do exterior, membros das entidades galegas de dez países de Europa e América.

Este programa, que leva desenvolvéndose varias décadas, está dirixido ás entidades galegas do exterior, e permite dar formación especializada ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, de confección de traxes tradicionais galegos e de cociña galega.

Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América. Durante unha semana, os participantes recibirán tamén a visita de recoñecidos músicos, artesáns, bailaríns e de cociñeiros de prestixio galegos.

 

Entre os participantes atópanse galegos chegados dos centros de Cuba, Arxentina, Uruguai, México, Chile, Costa Rica, Estados Unidos, Venezuela e Brasil, así como de diversos centros de toda España.

 

Os alumnos pecharán estas dúas semanas de formación o próximo sábado, día 15, cunha gala de presentación na praza do Marques de Amboage de Ferrol, ás 19.30 horas. Os participantes ofrecerán á cidadanía de Ferrol e aos membros das asociacións culturais da localidade diversas actuacións musicais e de danza, así coma tamén un desfile cos traxes tradicionais que confeccionaron estes días. A gala rematará co espectáculo de gaitas e luz Mitic.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023