As pemes galegas de transformación de produtos do mar impulsan este ano 50 proxectos de innovación por importe de 17,6 M€ para mellorar a súa competitividade

A Xunta apoia ás beneficiarias co 50 % do importe subvencionable e concede máis de 8,8 millóns de euros en axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, na convocatoria de 2023

As actuacións previstas teñen que ver coa mellora da eficiencia enerxética, a redución do impacto no medio ambiente, a innovación e a mellora das condicións de traballo e seguridade nas súas instalacións, entre outras cuestións

O Executivo galego aprobou máis de 100 millóns de euros en apoios ao sector desde a primeira convocatoria de 2016, o que permitiu desenvolver 380 iniciativas e mobilizar un investimento total de máis de 200 millóns de euros

Santiago de Compostela, 13 de xullo

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a resolución da convocatoria deste ano de axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura no que se recolle a aprobación de 50 proxectos impulsados polo sector por un importe de máis de 8,8 millóns de euros a desenvolver ao longo do presente exercicio. Con estas achegas a Xunta aporta o 50% do importe subvencionable de cada un deles, polo que o investimento total para acometer melloras nas instalacións destas empresas é de máis de 17,6 millóns de euros.

Entre as accións que son obxecto de apoio, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), está a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas deste sector e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

Os beneficiarios destas subvencións son as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión.

O obxectivo desta liña de axudas é que o sector transformador de produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o seu impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos.

 
 

Achegas

Este tipo de apoios contribúen a que as empresas poidan realizar investimentos importantes cos que apostar pola innovación e mellorar a súa competitividade. De feito, desde a primeira convocatoria destas axudas ao abeiro do FEMP -en 2016- Galicia leva aprobados máis de 100 millóns de euros en achegas para o desenvolvemento de 380 proxectos de mellora das instalacións de pemes de transformación de produtos do mar. Esa contribución pública derivou nun investimento total que supera os 200 millóns de euros no conxunto das oito convocatorias realizadas. 

Data de actualización: 13/07/2023