A Xunta destinará 17,9 M€ á restauración do Pazo de Lourizán e a un programa de usos e actividades para o seu predio

O presidente destaca o “valor histórico e natural” deste complexo no que se van realizar melloras desde este ano e ata 2026

Asegura que un dos obxectivos é “impulsar o gran atractivo turístico” desta finca mediante “a restauración do edificio histórico”, a construción dunha sala polivalente de conferencias ou abrindo a posibilidade de destinar parte da edificación “a aloxamento turístico ou restauración”

Ademais, no predio do Pazo crearase un ecosistema de estudo e análise estatística, de investigación, de formación e de divulgación forestal

A finca ten 46,55 hectáreas e está formado pola Escola de Capataces, o Centro de Investigación Forestal, a Rede de Observación Ambiental, o Pazo e as súas construcións anexas e o Arboreto, que reúne un elenco de especies de plantas, flores, arbustos e árbores plantados desde o século XIX
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou destinar un total de 17,9 millóns de euros “á restauración” do Pazo e o predio de Lourizán, en Pontevedra así como a “deseñar o programa de usos e actividades”. Deste xeito, a Administración autonómica actuará de inmediato, tras asumir a titularidade das instalacións –algo que está previsto que se formalice proximamente– para pór en valor este patrimonio que, segundo resaltou Rueda, destaca “polo seu valor histórico e natural”.

Por unha banda, Rueda asegurou que se van levar a cabo actuacións para “impulsar o gran atractivo turístico que ten todo o complexo do Pazo”. Nesta liña, está prevista a restauración do edificio histórico e os itinerarios e instalacións que hai no xardín botánico; habilitar unha sala polivalente de conferencias nun novo edificio de madeira e ábrese a posibilidade “a dedicar parte da edificación a aloxamento turístico ou de restauración”.

Ademais, impulsarase un ecosistema de estudo e análise estatístico, investigación, formación e divulgación forestal. Será un espazo de encontro entre os axentes públicos e privados da cadea forestal galega, potenciando nas súas instalacións a transferencia do coñecemento ao ámbito empresarial, co fin de asegurar que o valor engadido derivado da cadea incida directa e positivamente na economía e no benestar da sociedade galega.

As actividades principais de investigación complementaranse cun programa ampliado de divulgación e formación, regrada e non regrada. A transferencia da información e do coñecemento alcanzado reforzarase co establecemento de lazos colaborativos co sector empresarial, que terá presenza nas instalacións a través da creación de incubadoras e aceleradoras de empresas forestais.

A combinación da rehabilitación dun edificio histórico emblemático, como é o Pazo, coa posta ao día do resto de instalacións e itinerarios polo xardín botánico xerarán un importante atractivo para un turismo de carácter cultural. Neste sentido, prevese tamén a posibilidade de dedicar parte da edificación do Pazo a aloxamento e servizo de restauración.

Características e historia do Pazo

O predio de Lourizán atópase no lugar de Herba Longa, na parroquia de Santo André de Lourizán, no concello de Pontevedra. Trátase dunha superficie de 46,55 hectáreas de extensión, formada por 4 parcelas catastrais. O seu propietario máis famoso foi o político galego Eugenio Montero Ríos, que adquiriu a propiedade xunto coa súa esposa Avelina Villegas no ano 1879 e que foi quen encargou a Jenaro de la Fuente a reforma e deseño do pazo como unha residencia de verán pola que pasaron importantes personalidades da época. Nos seus salóns negociáronse cuestións políticas de máximo interese, como o Tratado de París de 1898, polo que se cederon as últimas terras coloniais que quedaban: Porto Rico, Filipinas, Cuba e Guam.

No ano 1943 o predio de Lourizan foi mercado a través de escritura pública pola Deputación de Pontevedra e sucedéronse continuados convenios de colaboración entre a propia Deputación e as diferentes consellerías competentes para a súa cesión (prazos de 30 anos), e estivo vinculado a un uso científico e formativo (capacitación agraria).

O 6 de xullo de 2022 a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia asinan un Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do predio de Lourizan e da Escola de Cantería de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia, e está prevista a transmisión da titularidade do predio da Deputación de Pontevedra a favor da Xunta en datas próximas. Así mesmo, proximamente, tamén se procederá ao traspaso da Escola de Canteiros.

O conxunto do predio de Lourizán está formado pola Escola de Capataces-CFEA, o Centro de Investigacións Forestais-CIF, a Rede de Observación Ambiental de Galicia, o Pazo e as súas construcións anexas e, finalmente, o Arboreto, que reúne un extraordinario elenco de especies de plantas, flores, arbustos e árbores plantados no predio desde o século XIX ata a actualidade.

O Pazo de Lourizán forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e conta cun nivel de protección integral no vixente planeamento urbanístico do termo municipal de Pontevedra, ao estar recollido no Catálogo de edificacións e elementos para conservar da cidade e do medio rural de Pontevedra, aprobado o 28 de abril de 1994.

Tal e como adiantou o presidente, a previsión “é comezar as obras de rehabilitación este ano e que estean finalizadas en 2026”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023