Rueda destaca que a Xunta impulsa este verán 444 actuacións en 305 centros educativos cun investimento de 76,5 M€ no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Resalta que o Goberno autonómico incrementa nun 19% o orzamento para estas obras, o que permitirá realizar 87 máis que o ano pasado e chegar a case “un terzo dos centros públicos”

Explica que as actuacións “xa están en marcha” e que “a maioría” estarán rematadas antes do inicio do curso en setembro

Trátase tanto de ampliacións e rehabilitacións como de melloras da eficiencia enerxética ou a instalación de ascensores

Tamén se acomete a construción de dúas centrais de biomasa en Lugo e Lalín para dar servizo a varias infraestruturas e acadar uns centros máis sustentables

Un total de 120 son grandes actuacións en marcha, 262 son pequenas reformas e melloras e 62 son instalacións de fotovoltaicas


 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai impulsa este verán un total de 444 obras de mellora en 305 centros educativos de Galicia, o que supón 87 actuacións máis que o pasado 2022. O titular do Goberno galego resaltou que “se incrementou un 19%” o orzamento ata chegar aos 76,5 M€, o que permitirá realizar melloras “nun terzo dos centros educativos públicos” da comunidade, resaltou.

Rueda explicou que se trata de actuacións “que xa están en marcha” e asegurou que a maioría “estarán rematadas” para o inicio do curso en setembro. Entre as actuacións previstas están ampliacións de centros, rehabilitacións integrais, melloras de eficiencia enerxética ou a instalación de ascensores”. Ademais, tamén se está a acometer a construción de dúas centrais de biomasa en Lugo e Lalín para dar servizo a varias infraestruturas e afondar nos obxectivos de acadar uns centros educativos máis respectuosos co ambiente.

Neste senso, das obras previstas, 120 son grandes actuacións que ocupan a meirande parte do orzamento, máis de 70 M€, e que chegarán a 120 centros educativos. Trátase de intervencións en marcha que, debido á súa magnitude, teñen un período de execución maior do verán e que se intensifican nestas datas para aproveitar o período non lectivo. Son os casos da rehabilitación integral dos institutos Valle-Inclán de Pontevedra e Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, da ampliacións do Colexio Agro do Muíño de Ames e dos institutos Pedras Rubias de Salceda de Caselas, Antón Losada Diéguez da Estrada e Ferro Couselo de Ourense, así como do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra.

As restantes son obras menores que suman un investimento de máis de 4,5 M€ para pequenas reformas e melloras en 226 centros educativos e a instalación de 62 fotovoltaicas. Destas actuacións, 113 lévanse a cabo na provincia da Coruña, cun investimento de 1.154.830 €; 42 en Lugo, cunha achega de 778.767 €; 64 en Ourense, con 1.209.149 €, e 43 en Pontevedra, cun orzamento de 1.470.598 €.

Por tipo de centro, case a metade das intervencións previstas son levadas a cabo en colexios. En concreto, 209 obras están previstas neste tipo de centros, mentres que 118 son en institutos. As obras restantes son en centros integrados de formación profesional, centros de ensinanzas artísticas ou de adultos e conservatorios de música.

En marcha desde 2021

Rueda subliñou que as obras “enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica,dotado de 243 millóns de euros”. Trátase dunha folla de ruta aprobada no ano 2021 cunha inxección inicial de 191 M€ para abordar todas as intervencións que se fan nos centros educativos, co obxectivo de que estean mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías, e sexan máis sustentables e máis confortables para o profesorado e para o alumnado.

Este plan, ampliado ata os 243 M€ para facer fronte ás necesidades dos centros educativos, suma na actualidade 421 grandes obras, das cales 223 están xa executadas e 111 actuacións están actualmente en marcha ou a piques de ser licitadas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023