O Sergas publica a baremación provisional dos médicos de familia que participan no proceso de concurso de méritos

O DOG publica a baremación provisional da categoría de médico/a de familia de atención primaria e a relación definitiva de admitidos no proceso selectivo de estabilización por concurso de méritos.

Resultan admitidas definitivamente no proceso de estabilización por concurso de méritos 350 persoas.

Santiago de Compostela, 13 de Xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaran con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas na convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

No día de hoxe a publicase a baremación dos 350 admitidos definitivamente no proceso, dos que 256 son mulleres (71%), e 8 participantes teñen domicilio fora de Galicia. Neste proceso convocáronse 42 prazas, das que 4 corresponden á quenda de discapacidade.

Os aspirantes poden consultar as puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) abríndose un prazo de dez (10) días hábiles, ata o 28 de xullo, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional.

Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Neste proceso os aspirantes conseguirán acceder a emprego fixo tras a valoración do seu currículum profesional sen realización de exame de oposición.

Xunto con este proceso, no Servizo Galego de Saúde estanse a desenvolver outro procedemento selectivo -por concurso de méritos- para dotar de persoal médico á atención primaria. Así, neste ano convocáronse 72 prazas de facultativo especialista de atención primaria, o que permite que entre o anos 2022 (con 106 prazas) e o 2023, se incorporen 178 médicos fixos nesta nova categoría.

Por outra parte, está convocado concurso-oposición na categoría de médico de familia de atención primaria cunha oferta de 150 prazas.

Neste ano 2023, o número de prazas convocadas en categorías de médicos/as de atención primaria ascende a 264 prazas, 192 de médico/a de familia e 72 de facultativo/a especialista de atención primaria.

Os/as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas ao seguinte enderezo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Redución da taxa de temporalidade

Este proceso excepcional mediante concurso de méritos, xunto cos procesos convocados mediante concurso oposición, e que se resolverán como máximo en dous anos, teñen por obxecto controlar e reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia, para rebaixar a taxa actual e acadar no ano 2024, unha taxa por debaixo do 8%, como marca a Lei 20/2022.

Data de actualización: 13/07/2023