A Xunta publica unha guía informativa sobre os trámites e as dúbidas máis habituais das Asociacións da Comunidade

O documento inclúe os pasos necesarios para inscribir as entidades no Rexistro de Asociacións da Comunidade, no que actualmente están dados de alta máis de 40.000 colectivos

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

A Xunta vén de publicar unha guía informativa sobre os pasos necesarios para inscribir unha asociación no Rexistro de Asociacións da Comunidade. A solicitude de inscrición neste rexistro é un dos cinco bloques deste documento, que xa está dispoñible no apartado de asociacións da Xunta e tamén na sede electrónica (https://sede.xunta.gal/). Os outros catro puntos fan referencia ao réxime xurídico das asociacións, publicidade do Rexistro mediante a obtención de copias e certificados, taxas, declaración de utilidade pública das asociacións e contacto.

A guía pretende simplificar a tramitación para realizar as inscricións, incluíndo as dúbidas máis habituais das entidades asociativas. Deste xeito, buscase reducir o número de consultas e requirimentos que afectan á axilidade na resolución de determinados procedementos. Por iso, o documento tamén poderá descargarse no enlace que se incluirá nos requirimentos e na contestación dos correos electrónicos de consulta.

Cómpre lembrar que poden darse de alta no Rexistro de Asociacións da Comunidade, asociacións, federacións, confederacións e unións de asociacións con ámbito de actuación comprendido dentro da comunidade. Trátase de entidades que desenvolven principalmente as súas actividades neste ámbito territorial, e sempre que non teñan fin de lucro nin estean sometidas a un réxime asociativo específico. Actualmente neste rexistro xa figuran 40.000 asociacións e estase a producir un aumento nestes trámites debido ao incremento do terceiro sector, en especial do movemento asociativo.

Non se poden inscribir neste rexistro os partidos políticos, sindicatos e organizacións empresariais, igrexas, confesións e comunidades relixiosas, federacións deportivas, asociacións de consumidores e usuarios e calquera outras reguladas por leis especiais.

As asociacións que soliciten a súa inscrición nos rexistros da comunidade, deberán establecer nos seus estatutos un domicilio en Galicia determinado polo ámbito territorial de actuación. A inscrición formalízase no Rexistro central ou provincial, en función do ámbito territorial que conste nos estatutos da asociación.

Data de actualización: 13/07/2023