Xosé Merelles mantén unha xuntanza co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles destacou o bo ritmo de chegada e avanzou que no día de hoxe chegou a Santiago o peregrino 200.000

Merelles acompañado do xerente de Turismo de Galicia visitaron esta tarde a Oficina de Acollida ao Peregrino

Destaca o incremento de peregrinos internacionais procedentes de Corea, Estados Unidos e Australia

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

O director e o xerente de Turismo de Galicia, Xosé Merelles e Antonio Casas, mantiveron esta tarde unha xuntanza co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, para coñecer de primeira man o funcionamento da Oficina de Acollida ao Peregrino

 

Xosé Merelles destacou a importancia deste recinto, onde día tras día, centos de persoas recollen a Compostela, certificando a realización do Camiño para os que realizan máis de 100km a pé ou máis de 200 en bicicleta ou a cabalo, sendo o termómetro do Camiño de Santiago.

 

A Oficina de Acollida ao Peregrino proporciona servizos de atención, información turística e cultural, sendo un espazo de encontro para os que completan a peregrinación. Tal e como indicou o director de Turismo, son os encargados de recompilar toda a información dos peregrinos que chegan a Santiago, de aí a importancia e relevancia do traballo que levan a cabo.

 

Merelles destacou o bo ritmo de chegada e avanzou que no día de hoxe chegou a Santiago o peregrino 200.000. Segundo os datos que ofrece a web da Fundación Catedral, neste 2023 hai un incremento do 14 % no número de peregrinos en comparación con 2022. Destaca o incremento de peregrinos internacionais procedentes de Corea, Estados Unidos e Australia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023