Miranda traslada as políticas de emigración e a nova Estratexia Galicia Retorna á rede exterior de Abanca

O secretario xeral da Emigración participou no Encontro que organizou esta entidade en Santiago de Compostela co equipo de non residentes

Durante a súa intervención, Rodríguez Miranda solicitou a colaboración dos responsables das distintas oficinas da rede exterior desta institución financeira para facer chegar aos galegos os programas de actuación da Xunta de Galicia que lles poidan beneficiar

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta mañá no Encontro do Equipo de Non Residentes organizado por Abanca no centro Obra Social Abanca situada na praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, o responsable do departamento autonómico trasladou aos presentes as políticas de emigración que está a desenvolver a Xunta de Galicia así como tamén os programas que engloban a nova Estratexia Galicia Retorna 2026.

Antonio Rodríguez Miranda aproveitou a súa participación neste evento ao que asistiron directores de oficinas desta entidade nas diferentes comunidades autónomas de España así como de Europa e América para solicitar a súa colaboración de cara a facer chegar aos galegos os programas de actuación da Xunta de Galicia que lles poidan beneficiar.

O secretario xeral recordou que dende a Secretaría Xeral da Emigración estase a traballar de xeito moi intenso en prol da colectividade galega no exterior, atendendo as novas necesidades xurdidas nestes últimos anos, en especial trala pandemia e a crise xerada polas tensións inflacionarias.

Recordou Miranda que dende a Xunta de Galicia trabállase en dous sensos, unha cara ao exterior, apoiando e colaborando cos galegos residentes nos países de América e Europa, que superan o medio millón, e coas entidades que atenden aos galegos con maiores necesidades así como que traballan na promoción da nosa cultura entre as novas xeracións.

Por outro lado, “a Xunta tamén está a apostar de xeito moi intenso polo retorno, para que os galegos que un día se foron ou que xa son fillos ou netos de aqueles emigrantes, poidan regresar a unha comunidade autónoma próspera e moderna onde poder reiniciar a súa vida e construír o seu futuro, formando parte da nosa sociedade. E para iso contamos cunha poderosa ferramenta como é a nova Estratexia Galicia Retorna, que conta con cen medidas que facilitan este regreso en tódolos ámbitos da vida da persoa: o económico, o social e o familiar”, engadiu o secretario xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023