A Xunta aposta pola cooperación e a agrupación de municipios para a prestación de servizos de calidade nos concellos de menor poboación

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe na inauguración do V Congreso Red Localis e nunha mesa redonda posterior sobre a proposta dun Estatuto básico dos municipios de menor poboación ou en risco de despoboamento que podería supoñer un réxime especial para 278 concellos

Na súa intervención avogou por garantir a igualdade na prestación dos servizos no territorio galego a través de fórmulas como as agrupacións, mancomunidades ou fusións de entidades locais, así como o reforzo do financiamento local e do papel das deputacións provinciais

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe na inauguración do V Congreso Red Localis, que nesta edición se centra no debate dos retos e desafíos dos municipios de menor poboación. Na inauguración do foro puxo en valor o importante labor deste espazo único a nivel nacional para debater sobre as problemáticas no eido local e abordar propostas de solución. O congreso enmarcase na cátedra institucional de Bo Goberno Local posta en marcha o ano pasado entre a Xunta e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora da Red Localis.

Nesta primeira intervención, Natalia Prieto resaltou a necesidade de colaborar entre administracións para garantir a igualdade de oportunidades da cidadanía e a calidade na prestación de servizos públicos con independencia do lugar de residencia.

Fixo fincapé no caso dos pequenos municipios en áreas rurais onde máis se agudiza a crise demográfica e propuxo como medidas para paliar esta situación a agrupación de municipios para a prestación común de servizos, a promoción de redes locais, a modificación do sistema de financiamento local tendo en conta factores como o envellecemento ou a dispersión da poboación ou o reforzo do papel das deputacións provinciais cunha delimitación das súas competencias.

Estes temas foron abordados en maior detalle pola directora xeral no congreso nunha mesa redonda posterior sobre un Estatuto básico dos municipios de menor poboación ou en risco de despoboamento. Trátase dunha proposta na que se está a traballar e que podería supoñer un novo réxime especial para 278 municipios da comunidade que, ou ben teñen menos de 5.000 habitantes, ou se atopan en risco de despoboamento. 

Durante a súa intervención, incidiu en que a colaboración entre administracións pero, sobre todo, “a cooperación entre as propias entidades locais”, é o camiño a seguir para mellorar os servizos municipais gañando eficiencia e evitando duplicidades.

Por iso, por exemplo, todas as convocatorias de axudas da Xunta priman solicitudes presentadas por varias entidades locais e, nesa liña, o Goberno galego continuará a promover as agrupacións de municipios para a prestación conxunta de servizos, así como as mancomunidades que ofrecen e executan servizos e obras tamén de forma conxunta.

A Xunta pretende consolidar estas fórmulas na futura Lei de Administración Local de Galicia. Nesta reforma da norma autonómica prevese ter en conta as conclusións do estudo da Xunta coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas para analizar os procesos de fusións municipais desde un punto de vista multidisciplinar.

Por outra banda, para garantir a suficiencia financeira dos concellos, Natalia Prieto matizou que é preciso ter en conta criterios como o envellecemento ou a dispersión da poboación. Así, a Xunta garante desde 2011 a participación das entidades locais nos orzamentos autonómicos a través do Fondo de Cooperación Local, que este ano acada os 143,4M€, un 14% máis, dos que 112,9M€ corresponden ao fondo base e os 30,5M€ ao fondo adicional cun incremento histórico dun 135%.

Ademais, a directora xeral avogou por un reparto de competencias entre as administracións no que se optimicen as funcións de cada unha. Nesta liña, a Xunta xa está a traballar coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP) coa finalidade de clarificar as competencias das administracións autonómica e local.

Sobre este asunto, Natalia Prieto destacou que é preciso reforzar o papel das deputacións provinciais, de maneira que se clarifiquen as competencias dos entes provinciais, en especial, no que se refire á súa obriga na prestación nos concellos máis pequenos de servizos tan importantes para a cidadanía como a atención de emerxencias e a extinción de incendios ou o tratamento de residuos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023