O albergue do Berbés bate todos os récords e duplica a súa ocupación no primeiro semestre de 2023

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, visitou o establecemento e indicou que no que vai de ano recibiu a máis de 4.600 peregrinos , cando en 2022 foron 2.300

“Estamos moi satisfeitos co resultado do albergue neste primeiro semestre de funcionamento e os resultados avalan a decisión de rehabilitar os edificios”
 

Vigo, 12 de xullo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores o Albergue de Peregrinos Juan Manuel López Chaves onde avaliou o impacto do Camiño de Santiago no primeiro semestre do ano. O establecemento, que funciona xa a pleno rendemento desde xullo de 2021 no barrio do Berbés, bateu no que vai de 2023 todos os rexistros e duplicou a súa ocupación respecto do mesmo periodo do ano pasado.

A representante autonómica amosou a súa “satisfacción” polos resultados acadados e destacou o acerto do Goberno galego cando decidiu investir 1,8 millóns de euros para dotar á cidade do seu primeiro albergue público no Casco Vello. “Os números avalan a decisión que tomamos para a rehabilitación dos edificios nun lugar emblemático”, sinalou.

Segundo relatou, un total de 4.689 peregrinos fixeron parada no albergue entre o 1 de xaneiro e o 11 de xullo de 2023 (máis de 14.300 contando desde a súa apertura). O mes con maior afluencia ata o de agora foi xuño, cun total de 1.349, seguido de maio (1.308). Os datos contrastan co primeiro semestre de 2022, cando o número de camiñantes que chegaron ao aloxamento foron 2.299.

“A afluencia de peregrinos experimentou un aumento espectacular nos últimos meses e todo indica que a nosa ruta xacobea, única cun percorrido pola costa atlántica, vai a superar todos os rexistros este mesmo ano”, engadiu a delegada facendo mención a que os meses de maior chegada de peregrinos son xullo e agosto.

O día de maior afluencia no que vai de ano foi o pasado 24 de xuño, cando o establecemento rexistrou un cheo total. O edificio do albergue conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. A infraestrutura ten capacidade para unhas 90 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos.

Camiño Portugués da Costa

Ana Ortiz tamén sinalou que o Camiño Portugués da Costa recibiu no que vai de ano a un total de 22.281 peregrinbos (en todo o 2022 foron 30.646), mentres que no Camiño Portugués xa van 42.243 (foron 93.077 en 2022). A ruta que pasa por Vigo obtivo neste periodo o 11,3% do total de peregrinos en Galicia, o que significa catro puntos máis que en 2022 e sete máis que en 2021. Así, consolídase como a terceira ruta máis demandada tras o Camiño Francés e o Camiño Portugués, por diante dos itinearios Inglés, Norte e Primitivo.

Ademais, a representante autonómica lamentou unha vez máis que Vigo siga sen sinalización oficial. “Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non ten o camiño sinalizado e por fortuna contamos coa axuda de comerciantes, taxistas e colectivos para difunfir o Xacobeo e guiar aos peregrinos”, argumentou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023