O Servizo Galego de Saúde publica a convocatoria do concurso de méritos na categoría de persoal enfermeiro especialista en saúde mental

Convócanse 94 prazas por concurso de méritos para persoal enfermeiro especialista en saúde mental

Galicia é pioneira neste sistema de acceso na categoría de persoal enfermeiro especialista

En 2023, o Sergas leva convocadas 175 prazas no ámbito da saúde mental polo sistema de concurso de méritos

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se convoca, polo sistema de concurso de méritos, o proceso selectivo para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de persoal enfermeiro especialista en saúde mental.

Esta convocatoria inclúe 94 prazas de enfermeira/o especialistas en saúde mental, das que, 65 se ofertan na quenda de acceso libre, 5 resérvanse para o seu acceso por persoas con discapacidade e 24 a promoción interna.

Estas 94 prazas de enfermeira/o especialista en saúde mental, xunto coas convocatorias realizadas este ano 2023 -44 de psiquiatras e 37 de psicólogos clínicos-, fan un total de 175 prazas convocadas no ámbito da saúde mental neste ano no Servizo Galego de Saúde polo sistema de concurso de méritos.

Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse en outubro de 2022 a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde. Desta forma, establécense medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. Entre os especialistas en ciencias da saúde encóntranse o persoal enfermeiro especialista.

Para levar a cabo as accións previstas no Plan de saúde mental de Galicia poscovid-19 (período 2020-2024), que contempla 98 proxectos asistenciais dirixidos a diminuír o impacto que o padecemento dun trastorno mental ten nas persoas, ademais de desenvolver medidas de promoción da saúde mental positiva e previr a aparición dos trastornos mentais, o Servizo Galego de Saúde realiza esta convocatoria coa finalidade de incorporar persoal fixo na categoría de enfermeira especialista en saúde mental, utilizando por primeira vez o sistema de concurso na selección de persoal de enfermería.

Participación de enfermeiros residentes de último ano

O acceso a praza fixa sen realización de exames será o resultado da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras. O prazo de solicitude de participación ábrese mañá xoves, día 13, ata o 31 de Xullo para permitir participar a aqueles Enfermeiros Internos Residentes (EIR) que estean no último ano de formación na especialidade correspondente e que están a piques de rematar a súa formación.

Dunha maneira particular, e aos efectos de posibilitar a participación do persoal residente (EIR) que está actualmente no seu último ano de formación na especialidade de enfermeiro/a de saúde mental, amplíase o prazo de acreditación do título da especialidade e dos méritos asociados a este, que poderán presentarse ata o último día do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos e excluídos do proceso.

A convocatoria establece un procedemento que permite que, no suposto de non incorporarse ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido dalgún aspirante seleccionado, a Administración sanitaria poida seleccionar a novos/as aspirantes, atendendo á puntuación que resulte da lista definitiva do proceso entre aqueles aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.

As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, no modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos/Concurso de Méritos).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023