Xunta e Universidade de Santiago avaliarán a evolución do sobrepeso na poboación galega no marco do Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030

O conselleiro de Sanidade e o reitor da USC presentaron hoxe a nova Cátedra de Vida Saudable destinada a xerar evidencia científica e investigación sobre promoción da saúde

O Plan de Obesidade Zero aprobado pola Xunta o pasado ano márcase o obxectivo de reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega no ano 2030
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; presentaron esta mañá Pazo de Fonseca a nova Cátedra Institucional de Vida Saudable, na que ambas institucións colaborarán na procura de xerar evidencia científica e desenvolver investigación sobre a promoción da saúde, constituíndo un foro para a execución de actividades docentes, académicas e investigadoras na especialización en hábitos de vida saudable e o envellecemento activo.

O primeiro obxectivo desta cátedra, reflectido no convenio de colaboración responde a un dos obxectivos establecidos no Plan de Obesidade Zero da Xunta de Galicia 2022-2030, o de crear unha rede de investigación en promoción da saúde en Galicia e establecer, a través dela, un sistema de avaliación que permita coñecer o impacto real das actuacións para previr a obesidade. A meta deste Plan é reducir o sobrepeso da poboación galega nun 15% no ano 2030.

No acto, no que tamén participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director da cátedra, Francisco Caamaño, o titular da Sanidade galega destacou que “é preciso adoptar unha actitude proactiva dirixida a previr e evitar o desenvolvemento de enfermidades”, destacando algún dos programas postos en marcha polo Executivo galego para este fin.

Sobre este particular, lembrou o portal Xanela Aberta, que fomenta os hábitos saudables entre a poboación moza; a Escola Galega de Saúde Pública que difunde información e formación para os sanitarios e a cidadanía en xeral ou a futura plataforma tecnolóxica que difundirá contidos para o coidado sobre a alimentación, a actividade física e o sono.

“Queremos dar un paso máis, e non só favorecer a divulgación senón tamén unha contorna investigadora en Galicia sobre a vida saudable, xerando novo coñecemento e novas perspectivas innovadoras” incidiu.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela apuntou que “ás universidades pídesenos que vaiamos máis alá das nosas funcións tradicionais, solicítasenos que xoguemos un papel de liderado en retos de transformación social como é o caso da vida saudable na que se centra esta Cátedra que hoxe bota a andar.”

Así mesmo, lembrou que a sociedade galega se caracteriza por unha elevada esperanza de vida, e por este motivo “debemos traballar para vivir máis e en mellores condicións”.

Nesta liña, e xunto coa Cátedra de Vida Saudable, a USC manifesta o seu compromiso con estes obxectivos a través doutras iniciativas, como é o caso da Cátedra de Cronicidade, centrada nos coidados aos pacientes crónicos; ou a participación na Fundación Dieta Atlántica, coa que promove a alimentación saudable entre a poboación.

Actividades da nova Cátedra de Vida Saudable

O programa da nova Cátedra Institucional de Vida Saúdable inclúen entre as súas actividades as seguintes actuacións: a creación da rede de investigación e innovación galega en promoción da saúde; desenvolver novas liñas de investigación en hábitos de vida saudables e envellecemento activo ou potenciar as xa existentes; establecer un sistema de avaliación periódica do sobrepeso e a obesidade da poboación galega e dos cambios no comportamento relacionados cos seus factores protectores; realizar cursos, seminarios, conferencias e cantas actividades académicas redunden na difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable, así como promover e organizar actividades que contribúan a facilitar a reflexión e o debate co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación

Tamén, entre as actuacións previstas pola cátedra está a colaboración co profesorado e departamentos da USC en todo aquilo que favoreza a formación integral do alumnado; favorecer a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación; a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas da promoción da saúde e as disciplinas con ela relacionadas; facilitar a inserción profesional dos e das estudantes da USC participando, no seu caso, nas actividades realizadas pola Cátedra e fomentar a colaboración entre a USC e o sector profesional no ámbito da promoción da saúde.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2023